Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Capitán Gosende descobre unha mámoa na Chan do Caveiro, na parroquia de Caroi

Membros deste colectivo adicaron unha xornada de exploración das abas orientais deste monte | O xacemento arqueolóxico inédito posúe unha antigüidade de 6.000 anos

Mamóa 2 da Chan do Caveiro na parroquia cotobadesa de Caroi e mapa de situación do túmulo.

O pasado 16 de maio, membros do colectivo Capitán Gosende dedicamos a xornada á exploración das abas orientais do monte Caveiro, na parroquia cotobadesa de Caroi. Froito deste labor desinteresado e entusiasta, descubrimos unha mámoa no lugar coñecido pola Chan do Caveiro. O xacemento arqueolóxico inédito posúe unha antigüidade de 6.000 anos.

Capitán Gosende descobre unha mámoa na Chan do Caveiro, na parroquia de Caroi

Inventariamos a tumba neolítica coa denominación “Mámoa 2 da Chan do Caveiro” (coordenadas.- X: 547.356; Y: 4.702.269), posto que, a uns 270 metros, cara ao noroeste, Patrimonio asentou xacando no seu catálogo un outro túmulo co nome “Mámoa 1 da Chan do Caveiro”.

A Chan do Caveiro é unha planicie, hogano arborizada, situada por riba dos 600 metros de altitude. Saliento o de “hogano”, pois, o topónimo Caveiro, deriva do latín calvariu, co significado de “lugar desposuído de vexetación”. A chaira montesa está sucada de sur a norte por dúas correntes de auga, formantes do regueiro da Chan do Caveiro, tributario, á súa vez, do río Bora ou Almofrei.

O túmulo megalítico fincouse no medio do terreo derregado pola galla dos regatos, e non moi lonxe do trazado dun camiño real que unía a vila de Pontevedra cos viñedos do Ribeiro, unha antiga vía de comunicación da que apenas subsiste a toponimia, verbigracia: Pousa o Viño (ou Pouso do Viño), topónimo localizado nas inmediacións das mámoas da Chan do Caveiro. O Caveiro: o “calvariu”, o “nemeton”, o claro que se abre na foresta impenetrábel (ou “lucus”), a chaira sagrada onde abofé se erixiu un santuario prehistórico.

A Mámoa 2 da Chan do Caveiro localízase na actualidade no seo dunha repoboación de piñeiros. Presenta unha ampla foca de espoliación. Árbores de gran porte fincan as súas raíces tanto no cráter de violación coma na coiraza.

En prol da súa conservación, cómpre a corta inmediata da vexetación que a asoballa, amais da subseguinte sinalización e valorización.

Coa descuberta da mámoa do Caveiro, os exploradores do Capitán Gosende suman dúas mámoas e tres gravados rupestres na parroquia de Caroi, territorio da comarca histórica de Montes.

Compartir el artículo

stats