Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O galego tamén necesita unha vacina

Alumnado do IES Nº1 da Estrada durante o desenvolvemento dunha das súas sesións de galego. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Din que o galego ten centos de palabras para describir a choiva. E non é de estrañar. Os idiomas están xustamente para iso: para describir a realidade na que viven. Para facilitar que os seus falantes se poidan comunicar. E para explicarlles aos de fóra que a chuvia non sempre é arte. Fronte a esta abundancia de palabras meteorolóxicas, apréciase unha forte carencia. A dun termo que sirva para describir a situación que está a atravesar o idioma. Os últimos estudos publicados pola Real Academia Galega (RAG) non dan tregua e volven dar a voz de alarma: a xente nova estase a desvincular cada vez máis do galego.

“O único que teño claro é que non imos a mellor. Aínda que a meirande parte do noso alumnado segue a ser galegofalante, dende hai uns anos vese claramente que vai descendendo a porcentaxe”, di Rosa Ferreira, directora do CEIP O Foxo. As súas declaracións son, cando menos, sorprendentes. O contexto que rodea o seu centro é o máis propicio para que os estudantes opten polo galego, posto que se atopa nunha contorna rural. “En que lingua están a televisión e os videoxogos? En castelán”. Rosa fai as súas declaracións con contundencia, apoiada nos seus máis de 30 anos de experencia docente. Os mesmos que a impulsan a coidar o galego e a manter un trazo de esperanza no medio deste inmenso trebón.

O castelán é maioritario

A situación non mellora no CEIP Figueroa, senón todo o contrario. A súa dinamizadora lingüística, Carmen Sánchez, fala dende o outro lado do teléfono coa voz doce e pausada. “Gustaríame dicir que é o galego é a lingua maioritaria no centro, pero non creo que sexa así. De feito, calculo que nestes momentos un 50% do alumnado emprega o castelán”.

Carmen conta algunha anécdota que fai pensar que a situación actual do idioma alcanza dimensións descoñecidas. “Un día, cando traballaba en Pontevedra, estaba a facer garda de patio. Dirixinme a unha nena en galego e ela virouse cara a min toda abraiada. Díxome: ah, ¿pero tú hablas gallego?. Segundo explica Carmen, isto non é o que acontece na Estrada. Ela non percibe que o seu alumnado teña unha actitude prexuízosa cara ao idioma, senón todo o contario. O problema parece estar, simplemente, en que por un motivo ou outro deciden non falalo.

No CEIP Pérez Viondi, a situación é aínda máis preocupante. A súa normalizadora lingüística, María Tato, estima que só o 25% dos nenos do centro falan galego de maneira espontánea. Pese a ser unha cifra tan alarmante, ela quere manterse optimista. “Os que son galegofalantes empregan o idioma en todos os contextos e iso é moi positivo. Utilízano cando van ao médico, cando falan con outros rapaces... Iso significa que non teñen prexuízos”. A súa declaración é un raio de esperanza no medio da sarabiada máis intensa. Pero non todos concordan con esta visión chea de luz.

A educación secundaria

Esta tendencia ao abandono do galego en idades máis temperás ten as súas consecuencias. Parece inevitable que cando chegan ao instituto opten máis polo castelán que polo galego. “Isto non vai a mellor. Este centro non é tan rural como o era antes e fai que unha parte considerable do alumnado da ESO prefira falar en castelán”, declara o vicedirector do IES Antón Losada, Xabier Camba. Pero na súa voz, chea de experiencia, trata de buscar un recuncho esperanzador. Pode que sexa a necesidade de aferrarse a algo o que o leva a manterse forte fronte á adversidade. “Hai ocasións nas que temos que chegar a situacións críticas para que a mocidade tome isto como un asunto persoal. É algo semellante ao que está a pasar co feminismo”. Pode que aí estea a salvación, quen sabe. Pero os esforzos por concienciar respecto á lingua non deben cesar.

“O que trato de facer co meu alumnado é demostrarlles que o galego é unha lingua útil. Que se pode vivir en galego!”, declara con entusiasmo a Cruz Buján, a normalizadora lingüística do IES Manuel García Barros. A situación do seu centro non é mellor que a dos anteriores, posto que a lingua que usa unha parte considerable do alumnado é a castelá. “Vese ben a diferenza entre os estudantes que veñen do rural, que son os que optan polo galego, e os que proveñen dunha contorna urbana, que escollen o castelán”. Pero a profesora do García Barros tamén pon a voz de alarma sobre outro aspecto preocupante: “A miña filla ten tres anos e nós falámoslle en galego. Tanto os seus pais como os seus avós. Como é posible que sendo tan pequena opte polo castelán?”. Cruz lanza a pregunta ao aire, sabendo que é retórica. E pon o foco na falta de debuxos animados en galego, mostrando certa melancolía ao recordar o Xabarín Club. E o innegable está aí: se a rapazada non ten referentes en galego, nunca se vai atrever a empregar o idioma. Ou o que é aínda máis frustrante: nunca o vai sentir como seu.

Ruptura da transmisión xeracional

Outro dos puntos aos que se suman varios dos profesores mencionados é a ruptura xeracional. Fronte ao que acontece co caso de Cruz, algúns docentes detectan que hai moitos pais que lles falan castelán aos seus fillos pese a ser galegofalantes. E detrás diso só son capaces de sinalar unha cousa: os prexuízos. Parece que aínda permanecen as crenzas mal entendidas. Aquelas que seguen perpetuando que o galego non serve. Que o castelán, como lingua global, abrirá máis portas.

Dende o IES Nº1, a súa dinamizadora lingüística tamén alerta da situación. Mónica Mato afirma que o seu centro, pese a ter alumnado procedente do rural, está a experimentar un descenso significativo no número de galegofalantes. “Moitos dos rapaces están a favor do idioma, pero déixanse arrastrar por aqueles que falan castelán”.

Porque se algo claro deixaron estes profesores é que non hai linguas boas nin malas. Igual que unha nai non pode escoller entre os seus fillos. Pero si hai idiomas ameazados, que se atopan na corda frouxa. Unha destas docentes, Carmen Sánchez, fixo unha desas reflexións que quedan para o recordo. “O galego tamén necesita unha vacina”. A única que será capaz de reverter unha situación que se dirixe cara a un punto sen retorno: o esquecemento.

“Necesitamos un maior apoio da administración”

Dá igual que docente e dá igual que centro. Todos volven coincidir nun aspecto: “necesitamos máis apoio da administración”. Entenden que a loita por manter o idioma non só se pode librar nos centros escolares e nas familias, senón que é preciso un maior esforzo por parte das autoridades responsables. Os profesores estradenses lanzan a voz de alarma. “Penso que non hai unha vontade real por ampliar o uso do galego a través do seu reforzo no ámbito académico”, di o vicedirector do IES Antón Losada, Xabier Camba. Asegura que a promoción do idioma se adoita deixar nas mans do equipo de normalización lingüística, pero advirte que non hai un programa globalizador que realmente incida sobre o alumnado. “Falta que a administración cree unha estrutura coherente e dinamice o uso do galego, pero non só no contexto escolar”, conclúe Camba.

Dende o García Barros súmase a voz de Cruz Buján. “Claro que se necesita que a administración se esforce máis. Quédalle moito por facer nos institutos e nos colexios para incentivar realmente o uso da lingua”, engade a normalizadora lingüística e profesora de galego do instituto estradense. Dende o CEIP Figueroa, Carmen Sánchez tamén suscribe as palabras dos seus compañeiros. “Moitos persoeiros, de calquera ámbito, empregan o galego nos actos públicos. Porén, aos seus fillos fálanlles en castelán. Dende logo, non están a dar exemplo”. Porque como di Carmen, a un fillo daslle o mellor que tes. E, polo tanto, tamén lle debes transmitir o amor pola lingua. Mentres fai esta reflexión, Carmen advirte: “cando digo estas cousas falo dende o sentimento”. Non cabe dúbida.

Compartir el artículo

stats