O Concello de Lalín reedita o seu proxecto de educación e actividades medioambientais por segundo ano consecutivo, a través do departamento que dirixe César Reboredo. As accións serán desenvolvidas por Educalecrín, empresa de educación social galardoada o mes pasado co premio Maruja Gutiérrez. Todas as actividades son de balde, so hai que apuntarse desde o enlace publicado en redes sociais do Concello de Lalín e de Educalecrín ou enviando un correo a obradoirosmedioambiente@gmail.com.

Flores e insectos desenvolverase os días 19 e 20 de abril no CEIP Xesús Golmar e o 26 e 27 no Manuel Rivero. En contra da crenza de que os insectos son innecesarios, molestos ou perigosos, explicaráselles aos nenos a relevancia dos polinizadores no planeta, haberá unha plantación de plantas aromáticas para favorecer este labor e non faltarán os xogos.

Na segunda acción, Reconectando coa natureza, darase a coñecer a relación entre a saúde dos seres humanos e a conservación medioambiental. Contempla un baño de bosque, baseado no método Shinrin Yoku, do doutor xaponés Qing Li, e ioga da man de Chus Coego. Será o 8 de maio aberta á poboación adulta.

Cohesión de saberes terá lugar o 21 de maio no Centro Sociocomunitario de Lalín, con aforo para vinte persoas maiores de 70 anos. Busca recuperar as prácticas diarias de pasadas xeracións.

Arte biodegradable, enfocada á infancia, pechará o ciclo o 5 de xuño, con manualidades, dinámicas e xogos nas que se aprenderán a crear obxectos sen usar productos daniños para a natureza.