O Salón Teatro de Lalín acolleu onte a media tarde a primeira asemblea aberta de Chorima Asociación Cultural. Este colectivo está creado formalmente dende outubro, pero as sucesivas restriccións sanitarias derivadas do coronavirus frearon a súa actividade. Semanas atrás, organizou a proxección do documental Reboiras, acción e corazón, de Alberte Mera. Onte, o encontro aberto á veciñanza serviu para dar a coñecer as actividades deste colectivo, e para a captación de novas persoas socias.

Sede en Lalín

Chorima funcionará a nivel comarcal e ten sede en Lalín. Traballará pola cultura popular e a tradición galegas, e tamén por un carácter bi-normativo do idioma galego, de xeito que tamén se recoñeza o reintegracionismo. Pero estará vinculada ademais a outros temas transversais, como o feminismo, o ecoloxismo ou o antifascismo. Nas propostas que vai ofrecer nos próximos meses, tratará eventos vinculados con estas cuestións, e tamén tén previsto organizar actividades para as crianzas e o pase de máis documentais. Trátase, en suma, de poñer en marcha propostas lúdicas nas que teñan presenza o idioma e a cultura galegas. Por iso, Chorima adianta que haberá unha programación especial en maio, con motivo do Día das Letras Galegas.