Os II Premios Mil Primaveras inclúen entre os seus galardoados a Regueifesta, un proxecto que puxeron en marcha en 2015 os institutos Marco do Camballón, de Vila de Cruces, e o de Baio. O xurado destes galardóns fai fincapé “no carácter interxeracional do proxecto, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais”. Destaca que Enreguéifate e Regueifesta é o mellor proxecto estabilizado tamén porque traballa o aspecto oral, imprescindible para recuperar a lingua galega. Esta iniciativa, nos últimos anos, tamén se relaciona con proxectos semellantes fóra de Galicia, que permiten a participación do estudantado en distintos festivais de Barcelona ou Madeira.

Os II Premios Mil Primaveras tamén recoñeceron o labor en defensa do galego do espazo televisivo Dígocho eu, do proxecto Galeguiza-T, do Plan de Desconfinamiento Progresivo da Lingua Galega, do Projeto Educativo Semente, de Galegoempresa e de O galego, a miña lingua.