José Fondevila Torres, un dos activistas principais do republicanismo estradense. | // IMAXE APORTADA POR XOÁN CARLOS GARRIDO

O Centro Republicano Estradense nace co obxectivo de aglutinar a todos os descontentos deste concello coa ditadura de Primo de Rivera e a monarquía que a lexitimou. Xorde coa intención de traballar a prol dos ideais republicanos que en termos xerais teñen que ver coa democratización, as liberdades civís, o laicismo e o federalismo. Veñen inspirados pola celebración do Pacto de Lestrobe de marzo de 1930 que xunto co Pacto de Barrantes de setembro, fixan o marco programático no que se aglutinarán a maioría das forzas políticas galegas a prol do cambio de réxime.

A Asemblea Constituínte celébrase o 18 de maio de 1930, no piso superior do Café “Porta do Sol” e presidido polo Comité Provisional formado por José Fondevila Torres, José Otero Abelleira e Jesús Rivas Carollo, quen presenta 119 adhesións ao comité. Pedro Varela presenta 13 máis, e no acto adhírense outras 13 persoas, facendo un total de 145.

Confórmase o goberno do Centro con José Pereiras Vidal (Olives) como presidente. José Fondevila Torres (A Estrada), vicepresidente. Perfecto Porto Fraíz (A Estrada), como Secretario Contador e Manuel Reigosa Sieiro (A Estrada) como Tesoureiro. Como vocais quedan elixidos José Caramés Pazos (A Estrada), José Louzao Fernández (Guimarei), Manuel Mato Arca (A Estrada).

Apróbase a adhesión do Centro á Federación Republicana Galega.

Entre os nomes que aparecen nesta xuntanza quixéramos subliñar a adhesión de Manuel Nogueira González (fusilado o 5 de xuño de 1937), Manuel Brea Abades (asasinado o o 8 de novembro de 1931), Manuel Torres Agrelo (dirixente do agrarismo estradense), José Mª Pena López (co tempo presidente do Frente Popular, fusilado o 5 de xuño de 1937), Pedro Varela Castro (ex-alcalde da Estrada pola facción agraria contraria a Torres Agrelo nos anos vinte).

Na xuntanza do 24 de xullo danse de alta 32 persoas máis de Vinseiro que veñen da man de Bernardo Mato Castro (morto por causa dunha malleira o 4 de setembro de 1936). Dise que o número de afiliados é de 177 e apróbase enviar como representación da Estrada ao acto de afirmación galeguista do Día de Galiza a Torres Agrelo e ao presidente do centro.

Na reunión do 9 de setembro de 1930 admítense provisionalmente as altas de 24 persoas máis e fálase do número total de 201.

O 28 de outubro do 30, a xunta directiva acorda reprobar o comportamento político de Pedro Varela e pedirlle que renuncie á afiliación ao Centro, o que terá como consecuencia a presentación da súa baixa. Este sería o primeiro episodio de conflitividade interna do republicanismo que terá como protagonista quen fóra o autor do libro “A Estrada” de 1923, e tamén será o preludio doutras moitas controversias que atravesarán ao republicanismo local.

Na reunión do 14 de novembro dáse o paso a propoñer un acto público de afirmación republicana na Estrada para o 8 de decembro. E efectivamente, nesa data celébrase na Estrada a presentación en sociedade do republicanismo estradense cun acto multitudinario no Salón Novedades que segundo a crónica na prensa redactada por Manuel García Barros, estaba ateigado de persoas a pesares da incomodidade de ser o día seguinte á feira co que iso supoñía para os que se desprazaban desde o rural e tiñan que quedar a durmir. O acto será presentado polo mestre Bernardo Mato Castro e nel intervirá Carnero Valenzuela, Romero Pelaez, Poza Juncal, Vilar Ponte e Peña Novo. A xeito de anécdota podemos referir o menú do banquete en “La Estrella” no que se serviu “ternera a la democrática”, “merluza regional”, “pollo a la republicana” e de postre “brazo de la libertad”. Dando conta do ambiente que se respiraba e ideario que inspiraba aos comensais.

Remata a crónica Ken Keirades cunha palabra a xeito de titular: Satisfacción. Di: “Puede sentirla y gozarla el Centro Republicano Estradense por el éxito brillante obtenido y por habernos traído el primer acto de ciudadanía pura que se ha celebrado en La Estrada. Fué un acto serie, edificante, bien ordenado y tal vez provechoso al ideal que se persigue. Pueden, repito estar satisfechos sus organizadores, especialmente el amigo Fondevila que tanto trabajó para su realización”.

Cómpre dicir que estaba anunciado o futuro presidente do goberno republicano Santiago Casares Quiroga, mais este, nesas datas trasladouse a Jaca para informar aos militares que se suspendía a sublevación que acordaran facer contra a Ditadura e a Monarquía, se ben, ao chegar cansado á cidade, acordou ir durmir ao hotel e pola mañá seguinte tratou de informar aos capitáns Galán e García, mais xa era demasiado tarde, e a insurrección xa se desencadeara con tráxicas consecuencias.

O 11 de febreiro conmemórase na Estrada o 58 aniversario da I República, e no seo desa conmemoración acórdase abrir unha subscrición popular para axudar as familias dos afectados pola sublevación do 12 de decembro pasado que tivo como consecuencia o fusilamento de Fermín Galán e García Hernández e a detención, entre outros, do representante da Federación Republicana Galega no Comité Revolucionario Nacional (CRN), Santiago Casares Quiroga.

O 12 de febreiro de 1931 noméase Presidente de Honra do Centro Republicano a Santiago Casares Quiroga, co cal se vai fixando posición dentro das diferentes vías que presenta o republicanismo galego inclinándose maioritariamente cara a opción que representar a ORGA.

Na asemblea xeral do Centro Republicano Estradense do 22 de febreiro de 1931 son reelectos os cargos directivos que tiñan responsabilidades nominais, agás o tesoureiro que será José Álvarez. Como vocais quedarían José Otero Abelleira, José Louzao Fernández e aparece o nome doutra das vítimas da represión, Cándido Tafalla (fusilado o 5 de xuño do 37).

O ritmo de organización do republicanismo estradense non vai a velocidade doutros lugares. De feito ninguén deste concello participou no devandito pacto de Lestrobe, e quizais chegábase tarde e coas estruturas aínda sen preparar dabondo para os vindeiros retos que lle viñan enriba como é o caso das eleccións municipais do 12 de abril de 1931.