Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os peóns bailan na Bandeira

O CEIP Ramón de Valenzuela reparte estas pezas entre todo o seu alumnado para que na materia de Educación Física aprendan a manexalo ademais doutros xogos tradicionais

Alumnado do CEIP da Bandeira xoga cos peóns durante a sesión de Educación Física do mestre Xosé López. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Os peóns bailan na Bandeira

A Bandeira non se esquece dos xogos tradicionais e déixanse ver tanto no colexio como nas zonas de lecer da vila. Os peóns, o brilé, a corda ou outros moitos, que xa semellan pasar de moda foron o divertemento de moitos proxenitores e avós. O mestre de Educación Física Xosé López, do CEIP Ramón de Valenzuela, fai uns trece anos que incluíu na súa materia a unidade didáctica de xogos tradicionais. “En torno ao San Martiño celebrábamos un magosto e tamén se conmemora o Día do Peón, entón decidimos facer algo por esas datas relacionado con isto e agasallamos a cada rapaz con un peón”, explica.

Desde aquelas, cada nova xeración que entraba ao centro recibía un peón para poder participar nestas actividades e tamén para telo para a materia. “Cada un decórao como quere, ao seu gusto, e logo desde finais de outubro sempre lles recordamos que o teñen que traer para as miñas sesións”, apunta. Nas súas aulas ensínalle a bailalo a todo o alumnado, dende primeiro ata sexto. “Non é o mesmo un neno de seis anos que un de 11, pero aprenden moi fácil e logo hai sorpresas dalgún que fai auténticas marabillas co peón”, recalca.

A Rede Galega de Xogo Tradicionais celebra os actos do Día do Peón cada ano nun concello, “aproveitando esa data decidimos facer algo no patio e sempre o gravamos, porque logo cólgano na súa páxina”, explica o mestre. Estouraban globos, xogaban ao brilé ou outras actividades de contacto, que na pandemia se deixaron xa de lado. Este ano as circunstancias impedían xuntar a unha gran cantidade de alumnado, tiñan que estar separados por aulas burbulla. Porén, non deixaron pasar a data por alto e fixeron os xogos, pero por separado. Fixeron que cada grupo, de forma individual, participase nos xogos tradicionais de peón, brilé, corda, goma e outros moitos, para gravar o filme e non deixar no esquecemento un dos programas máis divertido do centro.

A pandemia provocou que a rapazada deste centro atopase o seu gran aliado para o tempo de lecer: O peón. Ademais, aproveitando que este ano a hixiene era un factor importante, o centro volveu a mercar peóns para todo o alumnado, non só para a nova xeración que entraba no centro. “Como non pode haber pelotas nin ningún material no patio, xogan co peón e melloran a súa técnica, porque é deles, entón non teñen que compartilo; ademais, nos parques tamén os empregan”, apunta o mestre orgulloso do seu alumnado.

López é o encargado de ensinarlle a manexar os peóns dentro da unidade didáctica que imparte na súa materia. “Estas tarefas empezan antes do San Martiño, e co rápido que aprenden, collen fácil o manexo”, apunta. Engade que se trata dun proceso de aprendizaxe moi completo xa que abrangue “exercicios de motricidade, algo moi importante, non todos acaban bailándoo no primeiro día, pero co tempo si, e iso é o importante”, sinala. Ademais, poden complementar a formación cos libros que dispoñen na biblioteca do propio centro enfocados aos xogos tradicionais, xa non só de peóns. Na súa materia, ao largo do curso, van aprendendo diferentes tipos de xogos, agora mesmo están centrados nos zancos. “Non lle damos tanta importancia aos deportes que xa coñecen, aínda que seguen estando presentes porque lles gustan e tamén son necesarios”, puntualiza.

Na zona do patio do centro, recentemente estiveron pintando tres mariolas típicas, aros e vermes con números, para os rapaces máis cativos. “Potenciamos moito este tipo de xogos, máis agora que non poden ter contacto entre si, e teñen que esquecerse un pouco do fútbol, que segue estando presente”, explica.

Compartir el artículo

stats