Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Romaría do Corpiño na fotografía, o cine e o audiovisual

A práctica totalidade dos fotógrafos da comarca pasaron polo santuario, que tamén atraeu a reporteiros e investigadores chegados doutros países

Cirios e exvotos nunha imaxe de 1976. // D.G.A.

Meses atrás, co gallo do recoñecemento da romaría do Santuario do Corpiño coma "Festa de interese turístico de Galicia", trouxemos a este xornal unha reportaxe versando sobre o que se ten publicado deica o de agora, da grande romaxe dedicada a Virxe do Corpiño en libros, enciclopedias, revistas e xornais e tamén referencia dalgunha documentación existente en arquivos públicos e particulares. Quedamos entón comprometidos a traer outra reportaxe recollendo o que nos distintos medios audiovisuais ten aparecido deste santuario mariano, agora, no día grande da celebración do 24 de xuño, que este ano por mor da pandemia vaise ver moi reducida.

Os primeiros documentos gráficos que temos ollado do santuario e da súa romaría datan de primeiros do século pasado. Trátase de varias fotos de autoría descoñecida, que no ano 1929 Ramón Salgado Toimil incluíu no seu libro Santuarios Gallegos: El Corpiño, o primeiro tratado en profundidade do xa entón celebre santuario.

Nos anos seguintes, a práctica totalidade dos fotógrafos que operaban na comarca pasaron polo Corpiño, aproveitando a grande afluencia de romeiros aos que ofrecían os seus servizos, facendo moreas de fotos, as máis delas de xente pousando ou xantando na carballeira que rodea o santuario, moitas para mandar aos parentes na emigración. Tamén se podían ollar ducias de fotos penduradas das paredes do interior do santuario, que os devotos traían á Virxe para agradecerlle os favores concedidos, dos que daban conta en sentidas dedicatorias escritas á man, que o actual reitor, José Criado, quere recuperar para un futuro museo desta célebre romaxe.

De entre os fotógrafos da comarca que traballaron no Corpiño estaban Magín García, Donsión de Ribas Altas, Bernabé e Alonso de Lalín, Sindo e Sánchez de Silleda, que tamén andaban polas feiras e festas da zona e nas próximas minas de Fontao, onde non faltaban traballo e clientes.

A partir da década dos sesenta, o Corpiño comeza a interesar coma acontecemento etnográfico e algúns investigadores recollen coas súas cámaras ou encargan aos fotógrafos locais reportaxes para os seus traballos. Tamén algúns xornais e revistas mandan os seus fotógrafos e reporteiros para dar conta da celebración relixiosa e profana do Corpiño.

A principios dos sesenta, o historiador e antropólogo danés Gustav Heinningsen fixo unha ampla reportaxe da romaría que recolle en parte o libro Galicia Máxica: Romarías e Santuarios. Tamén no ano 1963, o fotoperiodista Antonio Gabriel, ben coñecido polos seus traballos en diversos xornais españois, entre eles, Faro de Vigo, fixo unha excepcional reportaxe do Corpiño.

A recoñecida fotógrafa Cristina García Rodero fixo dúas reportaxes do Corpiño, a primeira no ano 1976 e unha segunda no 1993, e tempo despois, tamén faría outra da Feira do Cocido de Lalín. Neses anos o profesor holandés Ton Van Vliet, que pasaba tempadas na vila de Agolada, fixo senllas series de fotos das romaxes do Corpiño e do Faro.

Nos primeiros anos da década dos setenta, nós mesmo fixemos numerosas fotos que serviron para reportaxes en Faro de Vigo e, nesa mesma década, o laureado fotógrafo Xurxo Lobato fixo fotos no Corpiño, ao igual ca unha listaxe interminable de fotógrafos.

Cine e televisión

Máis escasas son películas que teñen coma motivo ou escenario o santuario e a súa romaría. Temos noticia dunha película con imaxes do Corpiño feita no ano 1929, que non fomos capaces de localizar polo de agora. A primeira película documental da que temos constancia é Lejos de los árboles (1972), de Jacinto Esteva, que recolle esta romaría entre outras festas populares de España. Deses anos é tamén o documental do Equipo Lupa titulado O Corpiño, que dirixiu Euloxio R. Ruibal, no formato 8 mm. Co mesmo título e formato, faría tres anos máis tarde un documental R. Luca de Tena, un dos pioneiros do cine miúdo en Galicia e nós mesmo, co grupo Deza Cinema Galego, incluímos imaxes do Corpiño nun documental que, co título Lalín, acadou o primeiro premio no Festival de Cine de Vilagarcía de 1976.

Na década dos oitenta aparecen novos traballos, moitos deles en vídeo, destacando O Meigallo, de E.Banet (1985); Santuarios de Galicia: O Corpiño (1987), da TVG presentado por Carlos Blanco; un Informe Semanal da TVE no que aparece xunto co San Xoán de Donramiro e outro da ARD pública de Alemania (1991), nos que tivemos a honra de participar. Xa nos últimos anos filmáronse no Corpiño ducias de reportaxes por parte das televisións públicas e privadas, destacando Exorcismos en Galicia, (2010), en Cuatro; Parroquias de Galicia: Santuario do Corpiño (2012), en Popular TV; Una aldea en Lalín, gran templo de los exorcismos (2014) para o programa Cuarto milenio, de Íker Jiménez en La Sexta; e Devoción extrema (2016) en V Televisión.

Amais, son incontables os programas de radio que se teñen dedicado a esta romaxe nos diferentes medios estatais.

Compartir el artículo

stats