Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A indefensión da Laxa das Buratas

Declarado Monumento Histórico Artístico en 1974 e BIC, o petróglifo non figura catalogado no inventario de Patrimonio

En 2013 membros de Capitán Gosende localizaron o gravado rupestre da Laxa das Buratas.

O 9 de xuño de 2013, membros do colectivo Capitán Gosende deron atopado no monte de Alfonsín (Santa Mariña de Presqueiras-Forcarei) o gravado rupestre da Laxa das Buratas (cordenadas.- X: 553.752; Y: 4.706.271; alt. 710 m).

Setenta e catro anos antes, o polígrafo ponteareán Fermín Bouza-Brey, que visitara o lugar acompañado dun guieiro local, publicaba no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense (nº 250, 1940) o artigo intitulado "Insculturas cruciformes de Presqueiras" no que describía a devandita estación petroglífica e salientaba a súa singularidade:

Sitúase Presqueiras al pie del monte del Seixo, macizo al que asigna Fontán la cota de 1.186 m y una de cuyas estribaciones es el denominado Monte Alto de Presqueiras o Castro de Presqueiras [Bouza-Brey refírese ao Castro Grande ou Outeiro do Castro], por bajo del cual se destaca a su vez el Outeiro de Cuspe. En este outeiro, entre las laderas N y S que reciben respectivamente los nombres de Rebordiños y Portiño y a la izquierda de un camino losado que sube desde el lugar de Alfonsín al Seixo, se emplaza una laja conocida en el país por "Laxa das Buratas" que hemos examinado recientemente [...] Pertenecería nuestra inscultura, cronológicamente, al grupo más antiguo de los señalados por Obermaier, atribuído al eneolítico o principios del Bronce. Respecto a su interpretación, es de aplicación a nuestro grabado la general opinión que considera a los cruciformes como esquemas de la figura humana, incluyendo, por tanto, en la composición que nos ocupa tantas representaciones humanas como cruces hemos advertido.

O 16 de xuño de 2013, o xornal Faro de Vigo publicaba o artigo "Capitán Gosende localiza o gravado rupestre da Laxa das Buratas" no que se relataba a nosa visita á aldea de Alfonsín e a localización, setenta e catro anos despois, do petróglifo perdido. Do devandito artigo extraemos o seguinte parágrafo: Naquela altitude (a uns 700 m), as abas do monte de Alfonsín apenas logran disimular a súa nudez. O chan é unha lastra vasta e descarnada na que, con moita dificultade, subsisten o toxo, o carrasco e a carqueixa [...] Diante nosa, ocupando a face leste dunha crista rochosa, despregábase o magnífico panel da Laxa das Buratas [...] O escultor prehistórico aproveitou o lenzo de cara ao nacente para, valéndose dun punzón ou buril de pedra (probabelmente de seixo), gravar, cando menos, 17 signos cruciformes e 3 rectilíneos (suco en "U") que ocupan unha superficie vertical e rectangular de 3'25 m de longo por 70 cm de largo.

Espallada a tropa polo territorio, axudámonos dos debuxos que acompañaban o texto de Bouza-Brey. Aínda así, houbo que investir dúas xornadas na busca e peitear unhas 35 ha de monte. No libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (Morgante, 2017, páxs. 448-52) volvemos informar do gozoso achado.

Sécolas burocráticas, a noticia que Bouza-Brey deu da Laxa das Buratas a comezos de 1940 valeu para que, o 20 de decembro de 1974, o gravado rupestre acadase a consideración de Monumento histórico-artístico (Decreto 3741/1974). No BOE do 10 de marzo de 1975, lemos: La abundancia y variedad de signos extendidos por un considerable número de municipios, su cronología, que se remonta a cinco o seis milenios antes de la era cristiana, el destino y sentido que entrañan y la técnica de ejecución empleada constituyen un exponente cultural de incalculable valor que debe ser conservado y protegido como parte muy sustancial de nuestro tesoro artístico y arqueológico.

Esta defensa se hace en extremo difícil al estar diseminados los aludidos conjuntos en las montañas o en las proximidades de canteras de granito, cuya piedra es muy codiciada para la explotación...

En su virtud, a propuesta del Ministerio de Educación y Ciencia y previa deliberación del Consejo de Ministros en su reunión del día seis de diciembre de mil novecientos setenta y cuatro. DISPONGO [Esmorecente, o ditador Franco dispón]:

Se declaran monumentos histórico-artísticos de carácter nacional los grabados rupestres existentes en la provincia de Pontevedra, que a continuación se relacionan:

No dito BOE enuméranse a seguir os gravados rupestres escolleitos e, na listaxe de concellos pontevedreses agraciados, aparecen Cerdedo e Forcarei:

Ayuntamiento de Cerdedo:

-San Juan de Cerdedo: "Fraga das Ferraduras".

-San Pedro de Parada: "Montes de Parada".

-Santa Mariña de Tamonde: "A Laxa. Veiga do Chan".

Ayuntamiento de Forcarey:

-San Miguel de Presqueiras: "Outeiro de Cuspe. Laxa das Buratas".

Polo que respecta a Cerdedo, dous dos tres gravados rupestres recoñecidos coa consideración MHA ("Fraga das Ferraduras" e "Montes de Parada") non se localizan no Cerdedo de Terra de Montes. O terceiro ("A Laxa. Veiga do Chan en Tamonde"), danado e semisepultado en formigón, hai tempo que se garda da vista da xente no interior dun alboio. A parroquia e lugar denomínanse Tomonde (non Tamonde). Fieis á microtoponimia, o sitio arqueolóxico debe nomearse: "petróglifo da Veiga do Chao". Sobre o particular, léase o artigo "O grotesco caso dos BIC de Cerdedo" (Faro de Vigo, 2-11-2009). Xa choveu dende aquela primeira advertencia, porén, aínda hoxe, no "Rexistro de Bens de Interese Cultural" da web Cultura de Galicia da Xunta se manteñen os erros.

Polo que respecta a Forcarei, o petróglifo denominado no BOE "Outeiro de Cuspe. Laxa das Buratas" (mellor, "(Outeiro do Cuspe). Laxa das Buratas"), localizado a uns 600 m ao sudoeste da aldea de Alfonsín e a outros tantos ao nordés do coto do Outeiro do Cuspe, non pertence á parroquia de San Miguel de Presqueiras, senón á da Santa Mariña.

En resumo, o petróglifo da Laxa das Buratas, dado a coñecer por Bouza-Brey hai setenta e nove anos e rescatado do esquecemento en 2013 polo colectivo Capitán Gosende, foi declarado MHA en 1974 e posteriormente BIC, así que entrou en vigor esta figura de protección.

O paradoxal desta situación é que os dezasete cruciformes-antropomorfos e tres idoliformes tallados en rocha metamórfica que compoñen o gravado rupestre da Laxa das Buratas non constan no inventario de Patrimonio, é dicir, o petróglifo da Laxa das Buratas non está catalogado. Con certeza, a antiga declaración Monumento histórico-artístico (MHA) e a moderna Ben de Interese Cultural (BIC) fixéronse "de oído" ao se descoñecer a localización exacta da inscultura, posto que, Bouza-Brey non concretara as coordenadas.

A súa non catalogación recrúa o seu estado de indefensión e por tal volvemos solicitar que o petróglifo da Laxa das Buratas se inclúa no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza. Aínda así, somos conscientes de que ningunha lexislación será tan eficaz como o aprecio que o pobo lle dispense á herdanza comunal. A arte, tamén a rupestre, é o legado que vincula no sentimento a humanidade do pasado coa humanidade do futuro. No rural, a conservación, a valorización e a transmisión do noso patrimonio material e inmaterial acabarase malogrando se non lle pomos couto ao despoboamento. Mudar as políticas que motivan e aceleran o baleirado das aldeas é, pois, unha prioridade.

A día de hoxe, Patrimonio inventariou no concello de Forcarei os seguintes gravados rupestres (10): os petróglifos do monte Penide I e II (Dúas Igrexas; históricos), o petróglifo do Outeiro das Cruces (Folgoso-Cerdedo/Ventoxo-Forcarei; histórico), o petróglifo do Outeiro do Coto (Presqueiras (Sta. Mariña)), o petróglifo do Castro Grande (Cerdedo-Forcarei; histórico; sen nº de xacemento), o petróglifo do Petón (Pardesoa), os petróglifos do monte Peón I, II e III (Pardesoa; ref.) e o petróglifo nomeado Coto Loureiro/Laxe Burata que, situado na parroquia de Pardesoa, nada ten que ver coa Laxa das Buratas, estación petroglífica situada perto de Alfonsín (Presqueiras (Sta. Mariña)).

Dado que a rapina do coltán pretende, se ninguén o remedia, esfarelar os penedos de Presqueiras (et plus ultra), cómpre que a autoridade de Forcarei non se durma nas pallas (ou nos loureiros) e lle dediquen o tempo necesario a pór en claro onde e como se atopa o patrimonio arqueolóxico do concello. O traballo duro xa llo fixemos nós, e de balde.

Compartir el artículo

stats