Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rubén Troitiño: "Os gaiteiros de Soutelo e Cachafeiro son referentes da música galega"

O músico local presentará este sábado a versión musicalizada dun poema de Cachafeiro

Imaxe do músico local Rubén Troitiño.

Vén dunha familia de músicos espallados polos territorios de Cerdedo e Forcarei. A paixón pola gaita do seu pai fixo que Rubén Troitiño se somerxese dende cativo no universo da música tradicional. Máis tarde, foi Avelino Alberte Fírvida quen lle deu as primeiras leccións de música. Dende aquela, o seu traballo sempre estivo ligado á tradición musical galega: dende integrante de diversas asociacións culturais como O Fiadeiro, Quempallou ou Os Abrentes de Cerdedo ata mestre ou creador de proxectos propios entre os que se atopan homenaxes a figuras da música galega. Agora, o músico con raíces soutelanas, ademais de ser un dos responsables do pregón na Festa do Gaiteiro do vindeiro sábado, presentará unha peza musical creada cun poema de Cachafeiro.

-Vén dunha familia de músicos repartidos entre Cerdedo e Forcarei, era de esperar que esta acabase sendo a súa profesión?

-Non sei se era de esperar ou non, pero casualidades da vida remateino sendo. De feito, a medida que ía estudando música, tamén ían aparecendo máis músicos na familia. Fun investigando un pouco cales eran as miñas raíces e saían máis nomes de avós ou bisavós que o eran. Empecei grazas a meu pai, que tamén toca a gaita, e a partir de aí funme formando.

-Vostede móvese particularmente dentro do ámbito da música tradicional, por que este amor polo estilo musical?

-Vén todo a raíz de meu pai. Creo que como a el lle gusta este mundillo e toca a gaita, eu dende pequeno escoitei esta música na casa. Crieime escoitando a Milladoiro, a Faíscas do Xiabre. Entón foi o que mamei dende pequeniño. Penso que se meu pai escoitase outro tipo de música ou tocase outro instrumento, seguramenta acabaría con outro instrumento.

-Como está vinculado coa música? De que agrupacións forma parte?

-Aínda que teño 30 anos, toquei con varios grupos xa. Por exemplo, co grupo Quempallou. Tamén toquei no Fiadeiro, no que actualmente continúo impartindo clases de gaita. Agora mesmo, estou na asociación cultural Os Abrentes de Cerdedo onde tamén está meu pai. Ademais, estou facendo proxectos meus, aínda que polo momento son cousas pequeniñas. Por exemplo, este ano fixen unha peza para Antonio Fraguas, que foi gravada por catro asociacións de Cerdedo-Cotobade. O próximo proxecto que teño é unha foliada que fixen coa letra do libro Voando cas aas da vida de Avelino Cachafeiro.

-De onde xurdiu a idea de facer unha composición dedicada a Fraguas?

-Este ano era o homenaxeado no Día das Letras Galegas e el é do concello de Cerdedo-Cotobade. Case sempre estas homenaxes van adicadas ao tema das letras e Antonio Fraguas escribía. Aínda que el tamén fixo o tema do Cancioneiro de Cotobade. Entón, relacionando as letras coas músicas do que el recompilaba en todo o concello, ocorréuseme facerlle unha pequena ofrenda instrumental. Agrupáronse catro asociacións do concello para facerlle unha pequena homenaxe, gravar a peza e así que quede para o futuro.

-O vindeiro sábado na Festa do Gaiteiro en Soutelo poneralle música á composición Canta meniña pastora do poemario de Cachafeiro. Por que esta homenaxe ao gaiteiro? Como se levará a cabo?

-Foi un pouco sacada da homenaxe a Fraguas mesturada co tema de que hai outros autores que contan con poemas aos que se lle puxo música. Por exemplo, hai moita poesía de Rosalía de Castro musicalizada. Tamén hai letras de Avelino que están musicalizadas polos Diplomáticos do Acordeón. Ocorréuseme o tema de coller un poema enteiro de Avelino Cachafeiro e facerlle unha letra como facían outros artistas.

-Este ano será un dos responsables de dar o pregón na Festa do Gaiteiro, pero como vive habitualmente este evento?

-Recordo esta festa xa dende pequeno. Antes de estar nos Abrentes de Cerdedo, estiven no grupo dos Gaiteiros de Soutelo, que foi un colectivo que fundou Avelino Alberte. El foi tamén o precursor da Festa do Gaiteiro. Facíamos unha pequena ofrenda floral na estatua e unha comida na carballeira do Parque Venezuela. Despois houbo cambios na festa e foi collida polo concello. Neste momento foi cando colleu máis impulso. Tamén facían un concurso de gaiteiros solistas, no que participei tres ou catro veces e no que cheguei a ser finalista dous anos. Despois a festa deixouse de facer outra vez e dende fai uns anos a asociación O Can de San Roque retomouna. O que están facendo é recuperar a orixe de ofrenda floral, a comida e as actuacións musicais durante todo o día.

-Que significa que o escollesen para dar o pregón?

-Os Gaiteiros de Soutelo e Avelino Cachafeiro son referentes da música galega. Son referentes dos que teño un disco gravado con pezas que son para min o abecé da música galega. De feito, moitos grupos trouxeron o seu repertorio e estano tocando por aí ou gravaron discos en homenaxe a estes gaiteiros. Ademais, tendo eu raíces en Soutelo, para min é un orgullo e unha honra que me chamaran para participar de forma máis activa e directa dentro da festa.

Compartir el artículo

stats