Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Daniel Sousa Rodríguez: "Ao Parlamento Xove van chavales con ilusión e motivados"

"A incorporación de exalumnos ao tribunal é estupendo, da sensación de comunidade"

Daniel Sousa Rodríguez, onte, durante a charla no IES Laxeiro. // Bernabé/Javier Lalín

Daniel Sousa Rodríguez, onte, durante a charla no IES Laxeiro. // Bernabé/Javier Lalín

Daniel Sousa volveu onte ao que foi ao seu instituto, o IES Laxeiro, para contarlle ao alumnado de primeiro de Bacharelato a súa experiencia laboral e formativa. Natural de Ourense, viviu en Agolada, é licenciado en Relacións Internacionais, ten un máster de Xornalismo e traballa en Madrid no programa da SER A vivir que son dos días.

-Como foi volver ao Laxeiro, pero para impartir unha charla?

-Raro a verdade, aínda nin collera o título de Bacharelato (risas). Fíxome ilusión ver aos profesores e ver aos alumnos, aínda que destes xa non coñezo a ninguén.

-Que abordou?

-Pensei que me ía sobrar tempo porque foi de dúas horas, pero ocupámolas ben. Estívenlles contando que sempre estiven interesado nas Ciencias Sociais e en Humanidades... Faleilles da miña experiencia cando fun ao Parlamento Xove e animeinos a participar. Fixemos un pequeno taller sobre os aspectos nos que levo traballando: sobre a Unión Europea, de como falar en público e como facer unha negociación e falamos de xornalismo, das fake news, de como se informaban eles... A maioría fanno por redes sociais, po r Twitter, por enlaces compartidos en Facebook, en lugar de facelo a través dos medios de comunicación.

-Que tal a experiencia de formar parte do tribunal do concurso de debate Parlamento Xove?

-Foi o sábado pasado na Coruña a primeira ronda e a seguinte será o vindeiro sábado. A experiencia moi ben, porque ao final podes corrixir fallos que ti tiñas ou que o segues tendo e sabes que están mal. Os chavales veñen con ilusión e quen se apunta é xente que está motivada e por iso, é xenial traballar con persoas ás que lles gusta o que están facendo e que veñen aprender e a coñecer xente. Coincidín con moitos cos que estivera cando eu participei. E non pensaba que o xurado facía tanto traballo, porque, a verdade, non paramos en todo o día porque tiñamos un debate cada hora e media e cada un dura un pouco máis de media hora e despois hai que deliberar, dámoslles uns consellos aos rapaces, non paramos de 9 a 19 horas.

-Como ve a incorporación ao tribunal de antigos alumnos que participaron?

-Estupendo porque dá sensación de comunidade e sempre é bo volverse a ver despois de tantos anos.

-Supoño que se acordou de cando asistiu vostede?

-Chamoume a atención que moita xente se acordaba de nós, do noso equipo do Laxeiro, e do debate daquel ano, que era acerca de se a xuventude actuaba a favor do medio ambiente.

Compartir el artículo

stats