O sábado 23 de febreiro, Mahou levará a mellor gastronomía á 51ª Feira do Cocido de Lalín. A carpa que a firma cervexeira instalará un ano máis no Campo da Feira Vello abrirase oficialmente ao público da man de tres chefs referentes da cociña de vangarda en Galicia, todas elas cunha Estrela Michelin nos seus restaurantes: Inés Abril, en Maruja Limón (Vigo); Lucía Freitas, en A Tafona (Santiago de Compostela); e Iria Espinosa, en Árbore da Veira (A Coruña).

As cociñeiras ofrecerán tres showcookings nos que porán en valor as virtudes culinarias do prato galego por excelencia. As tres prepararán en directo, ante o público que se achegue ata a carpa, varios pratos inspirados na tradición gastronómica do cocido. As demostracións comezarán ás 12:00 horas e, despois da exhibición culinaria, o público terá a oportunidade de degustar algunhas das tapas elaboradas previamente polas chefs.

A entrada a este acto é completamente libre e de balde, polo que dende o Concello de Lalín se convida a todas as persoas que estean interesadas a asistir a un acto que permitirá coñecer en vivo as habilidades e o xeito de traballar dalgúns dos novos valores da gastronomía galega. Ao mesmo tempo, o público poderá aproveitar para visitar os postos das firmas que se instalarán na Carpa Mahou durante a fin de semana do Cocido, que terá o seu día grande o domingo 24.

Mahou é un dos principais patrocinadores da Feira do Cocido de Lalín e colabora coa posta en marcha de distintas actividades de lecer para completar a oferta do evento gastronómico. Con esta iniciativa, quere achegar unha cultura gastronómica de máxima calidade a todas as persoas, compartindo novas experiencias baseadas no sabor máis coidado.

Presentación na Coruña

O Concello de Lalín segue coa súa xira de presentación da feira. O stand gastronómico recalou onte no Mercado de San Agustín, na cidade da Coruña. Foron moitos os visitantes que se achegaron para interesarse pola feira e degustar unha tapa a base de filloa e produtos do cocido elaborada pola cociñeira do Restaurante Villanueva. Como representantes municipais acudiron os concelleiros Nicolás González Casares e Francisco Vilariño, que agradeceron a boa acollida brindada pola cidade herculina e convidaron aos presentes a visitar Lalín.

Noutra orde de cousas, a xunta de goberno vén de aprobar dous contratos coa CRTVG: Un, cifrado en 3.630 euros, é para a emisión do programa Galicia por Diante, da radio autonómica, o vindeiro día 21 en directo desde Lalín, amais de 25 autopromocións nos cinco días previos. O outro, por 4.840 euros, é para unha campaña publicitaria.