Síguenos en redes sociales:

Antón Alonso Ríos volta dar clase

O instituto Pintor Colmeiro bautiza unha aula co nome do docente e político galeguista

Antón Alonso Ríos volta dar clase

Desde hai tempo, no IES Pintor Colmeiro moitas das súas aulas locen, na entrada, unha placa en lembranza dun escritor en lingua galega. Suso de Toro e Xosé Neira Vilas (que dá nome á biblioteca) son algúns deles. Pero o ano pasado decidiuse, en consenso coa Equipa de Dinamización Lingüística do centro, facerlle unha homenaxe a Antón Alonso Ríos, político agrarista e mestre que puido fuxir da represión franquista grazas a invertarse unha nova identidade, a do mendigo Siñor Afranio.

Desde onte, Alonso Ríos é o novo nome da aula do grupo C de primeiro de Secundaria. Foi outro profesor, Matías Rodríguez da Torre, quen lles explicou aos alumnos o legado político e tamén literario que deixou este silledense aos dous lados do Atlántico (emigrou aos 21 anos á Arxentina e, tras voltar a España en 1931, puido regresar a Sudamérica desde Casablanca tras fuxir ata Portugal tralo levantamento do 36). Foi, precisamente, un parente lonxano o que descubriu a placa á entrada da aula, Alberto Ríos. O seu bisavó era curman de Antón Alonso Ríos.

Desde este centro educativo xa se adianta que se seguirán bautizando máis aulas sempre coa colaboració da EDL. Non é a primeira vez que Antón Alonso Ríos (falecido en 1990), volta, de forma simbólica, ao Concello que o viu nacer. No ano 2009 na Casa de Cultura de Silleda organizouse unha mostra con 37 paneis sobre a súa vida política e literaria. A finais do ano pasado, en colaboración co IES de Tomiño, tamén se ofreceu ao público outra exposición a base de fotos, fondos bibliográficos do autor e a recreación dunha escola da II República. Ademais, os Concellos de Silleda e Tomiño xa lle propuxeron á Deputación a reedición da obra Siñor Afranio, ou cómo me rispei das gadoupas da morte.

Pulsa para ver más contenido para ti