Alfonso Sucasas. Unha revisión nace co obxectivo de buscar novas interpretacións sobre o traballo do pintor, coñecer mellor os postulados da súa obra, os seus intereses e as súas inquedanzas, coincidindo co quinto cabodano do seu pasamento. Para iso, analízanse de novo datos biográficos, cartas, entrevistas... do artista e repásanse os seus temas e iconografía, e mesmo algúns traballos pouco coñecidos dunha ampla traxectoria de máis de 50 anos de produción artística.

A exposición está conformada por 64 pinturas e debuxos, datados entre 1957 e 2010, entre as que destacan obras de grande formato como o autorretrato do pintor, cedido pola súa viúva María Espinosa; As ofrecidas da Lanzada ou o Tríptico dos peixes. Nelas, atopan un destacado protagonismo os mitos, a condición humana, a relixión, as festas populares e as escenas cotiás, sempre cunha fonda referencia ás orixes rurais do autor.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou onte á noitiña a exposición que repasa a traxectoria do pintor lalinense e busca unha nova mirada sobre as interpretacións dadas á súa obra. No marco da súa intervención, Román Rodríguez salientou a pintura do seu paisano como unha demostración auténtica de vitalidade e galeguidade, na man dun artista que "humedecía os seus pinceis nas súas emocións".

Sucasas é o creador dunha das imaxes de marca máis potentes e primixenias dos produtos da terra, a concha da vieira de Galicia Calidade, "símbolo e esencia do Camiño milenario de Santiago e tamén presente na imaxe do Xacobeo", indicou o titular de Cultura. A súa obra, de dimensión internacional pero apegada ás súas orixes, converteuno nun dos mellores intérpretes artísticos da realidade galega, destacou.

O conselleiro quixo felicitar ao comisario, Miguel Fernández-Cid, e ao Museo de Belas Artes polo traballo realizado, así como agradecer a todas as persoas e entidades que fixeron posible a exposición, na maioría dos casos cedendo as pezas que a conforman. Román Rodríguez rematou convidando a visitar a mostra, que devolve a Sucasas ao circuíto expositivo galego e sitúao no lugar privilexiado da creación galega que lle corresponde.