SUSCRÍBETE

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Onde o mundo se chama Meixomence

As primeiras referencias históricas sobre o lugar atópanse en documentos dos séculos XI e XII

O lugar de Meixomence visto desde a estrada Silleda-Vila de Cruces. // Bernabé/Javier Lalín

O lugar de Meixomence visto desde a estrada Silleda-Vila de Cruces. // Bernabé/Javier Lalín

O lugar de Meixomence sitúase no suroeste da parroquia de Ponte, nas proximidades do lindeiro desta coa parroquia de Silleda. Preto del, tamén se sitúa un lindeiro múltiple de Ponte con Silleda, Margaride e O Castro, onde se atoparon as primeiras pegadas do ser humano na zona. En concreto, tres mámoas de distintos tamaños e o chamado Castro da Pena Negra, no coto do mesmo nome. Este asentamento, situado a 513 metros de altitude, atópase en mal estado de conservación debido ao parcelamento das terras de labor circundantes e á posterior actividade agrícola. Malia iso, a súa existencia posibilitou que as citadas terras, nas que se sitúa unha das mámoas, sexan coñecidas desde hai centos de anos como O Agro dos Castros.

A primeira referencia documental sobre Meixomence data do 28 de marzo de 1085. Nun documento de compravenda entre os irmáns Paio e Martiño Velázquez, no que o primeiro vendía ao segundo unhas herdades no lugar de Arcos, na parroquia de Graba, aparece mencionado o lugar de Meisomenz. Cunha grafía similar ( Megimenci ou Mexemence), aparece de novo mencionado en documentos do século XII, nos que se enumeran as propiedades de Guntroda Suárez, fundadora en 1154 do mosteiro de San Pedro de Vilanova de Dozón, do cal tamén foi abadesa. As súas posesións atopábanse dispersas por toda a Terra de Deza e acabounas doando ao mosteiro. Era dona dalgunhas en Meixomence, así como outras no lugar de Meitiriz, do cal os expertos indican a súa localización en Ponte, aínda non puidemos dar co seu emprazamento exacto.

Non debemos pasar por alto falar sobre couto de Rosende neste repaso da historia de Meixomence. Esta entidade xurídica, da cal descoñecemos a data de orixe ou fundación, integraba este lugar e o de Rosende e estaba rexida pola Encomenda de Beade, dependente da Orde Militar de San Xoán de Xerusalén. Temos constancia de varios foros outorgados por esta institución. Pero esta non foi a única, pois tamén o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, priorado dependente do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario dende 1500, posuía propiedades neste lugar, do que dan boa fe senllos foros outorgados en 1576 e 1654 respectivamente. O primeiro deles foi dado á Marquesa Yáñez por tres voces e sabemos que se foi prorrogando ata 1830, cando aínda Juan Costoya e outros veciños pagaban a renda orixinal de catro ferrados de centeo; mentres que o segundo nos pon na pista doutras dúas institucións eclesiásticas con posesións en Meixomence, como podemos ler no seguinte extracto: " más otra leira en el Agro de la Fontiña, que llevará en sembradura dos ferrados de pan y demarca con heredades de la Abadesa de San Payo de Antealtares de la ciudad de Santiago y por otro lado con heredad de dicho comendador de Beade, y por otra parte con heredad de los herederos de Juan de Negreiros, difunto que es del lugar del convento de Aciveiro y de otra parte con el Monte da Cruz". Tratábanse dos mosteiros de Antealtares, do que dependía o trasdezao de San Pedro de Ansemil, e do de Santa María de Aciveiro (Forcarei). De Ansemil temos coñecemento de dous foros outorgados en 1422 e 1636 e sobre Aciveiro coñecemos a renda que pagaban algúns veciños do lugar grazas ao que que quedou rexistrado no Catastro de Ensenada. Foi en 1753 cando se levaron a cabo as indagacións necesarias para a elaboración do citado Catastro no couto de Rosende, do que vimos que formaba parte Meixomence. Neste proceso quedou rexistrada información moi valiosa e interesante sobre o lugar: a existencia dun muíño no regueiro de Meixomence, administrado polo sacerdorte Domingo de Castro; os nove propietarios de vivendas nos termos deste lugar, a citada renda ao mosteiro de Aciveiro (pagada en centeo e galiñas), numerosa toponimia (Agro de Baixo, Agro dos Castros, O Lavadoiro, Zanca do Muíño, Pena Negra ou Monte da Penela) ou a existencia dun monte común dedicado a pasto do gando, coñecido polos nomes de Monte das Brañas, Fonte dos Moricos ou Fonte Negra, cunha extensión de 700 ferrados.

O século XIX comezou coa invasión da Península Ibérica por parte do exército napoleónico e no Trasdeza formouse en marzo de 1809 unha xunta de defensa co fin de coordenar os efectivos dispoñibles e tratar de combater o inimigo. A sede do seu cuartel xeral foi establecida na " casa llamada del Monte donde habita Domingo López (... ) y se halla sita en la parroquia de S. Miguel de Ponte", situada a case un quilómetro do lugar de Meixomence, pero incluída nel. Esta casa foi o xermolo do actual lugar das Casas do Monte, hoxe na parroquia de Silleda, como veremos a continuación. Pero esta vivenda tamén foi protagonista no seguinte conflito bélico do século: a primeira guerra carlista (1833-1840). Nela " (...) existía en la Casa del Monte de Deza un depósito de armas de 800 escopetas, 39 trabucos, 400 fusiles con sus bayonetas, 72 pistolas de arzón, 116 tercerolas y 2000 mochilas de estopa dispuestas a utilizar en el golpe" en 1835, tal e como recolleu o cronista Francisco Vilariño, natural de Moimenta (Lalín), na súa obra Reseña histórica del condado de Deza.

En 1836, a desamortización de Mendizábal puxo fin á Encomenda de Beade e as súas propiedades foron vendidas. Tamén marcou a desaparición do couto de Rosende, aínda que só no ámbito fiscal, pois no administrativo e eclesiástico os lugares involucrados continuaron pertencendo ás mesmas parroquias das que viñan formando parte (Meixomence, As Casas do Monte e Rosende de Riba a Ponte e Rosende de Baixo a Vilar). Isto cambiou a finais de século cando tivo lugar o arranxo parroquial promovido polo bispo lucense don Gregorio Aguirre. Esta reforma, levada a cabo en 1891, creou e suprimiu parroquias e cambiou lugares entre parroquias limítrofes, baseándose en criterios de poboación e de distancia entre os núcleos de poboación e a igrexa parroquial. No caso de Ponte, anexionóuselle a parte de abaixo do lugar de Rosende, mentres que o das Casas do Monte era segregado desta parroquia (e, en particular, de Meixomence) e agregado á de Silleda. Estes cambios constituíron as últimas alteracións nos lindes parroquiais.

Mediado o século XX e ata comezos do XIX, Meixomence viuse invadido por maquinaria de construción debido a catro grandes obras públicas levadas a cabo nel e nos seus arredores. Estas foron, por orde cronolóxica, a concentración parcelaria das parroquias de Ponte e O Castro, a construción da estrada PO-205 entre Silleda e Vila de Cruces, a ampliación do recinto da Feira Internacional de Galicia e a construción da autoestrada AP-53 entre Compostela e Ourense, sobre as que convén resaltar algúns detalles. Primeiramente, a ampliación da FIG, coñecido popularmente como Semana Verde (en alusión ao certame feiral anual), tivo lugar a cabalo do linde entre as parroquias de Ponte e Silleda e afectou de gran forma ao lugar de Meixomence, desaparecendo unha ampla zona de monte arborado e deixando case "sepultado" o lugar. Unha das consecuencias desta obra é a asunción por parte da poboación de que o recinto está enteiramente na parroquia de Silleda, un erro que chega incluso a niveis administrativos. Por outro lado, a construción da AP-53, que deixou unha peaxe nas proximidades deste núcleo, prexudicou as comunicacións entre Meixomence e o resto da parroquia, poñendo dalgún modo máis distancia entre dúas partes xa separadas dabondo entre si.

E non podiamos rematar estas liñas sen falar do nome do propio lugar, para cuxa orixe existen cando menos dúas teorías. A primeira delas tería que ver co chamado couto de Beicomenzo, citado por varios autores e que constituiría o xermolo do núcleo de poboación actual. Á súa vez, podería derivar de Bencomenzo, un topónimo propicio, é dicir, unha denominación feita ao gusto do fundador do lugar para facelo atractivo aos potenciais habitantes. Pola contra, a segunda teoría dinos que a orixe do nome se atopa en Maxuminici, patronímico de Maxuminus, como comentaba o xa falecido Nicandro Ares no seu artigo Toponimia de Silleda na revista Lucensia (1998). Esta segunda teoría parece máis plausible á vista das distintas variantes do nome do lugar que vimos ao longo deste artigo. Sexa certa unha teoría ou outra, podemos concluír que este lugar viviu de primeira man grandes cambios socioeconómicos ao longo de moitos séculos e agardamos que siga sendo fiel testemuña dos avances presentes e futuros.

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats