Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo (I)

Extinto o Concello de Cerdedo, ficará no recordo como o rexedor máis cabal, adiantado, tolerante e ecuánime de cantos o presidiron

Antonio Sueiro (dereita) tocando a gaita

Agás honrosísimas excepcións, non é o de Cerdedo un pobo que se distinga coa xenerosidade da lembranza. Dende hai uns anos, paliando a desmemoria, veño enchendo estas páxinas de retrincos cerdedenses: feitos e dicires mundanos, cadros da feira mitolóxica, "xente de aquí e acolá"... (coido que as miñas primeiras declaracións para o Faro de Vigo-Terra de Montes datan de abril de 2002 e a miña primeira colaboración, de outubro de 2007).

Neste muíño veceiro, tócalle moer arestora a quen, en opinión dos que o coñeceron ou que oíron falar del, foi o mellor mandatario de Cerdedo: o alcalde republicano Antonio Sueiro Cadavide. Verbo do segundo apelido, optei pola forma "Cadavide" (no canto das castelanizadas: "Cadavid" ou "Cadaviz"), pois a forma galega aínda está viva na fala dos máis vellos.

Achamos oportuna a publicación deste artigo, xa que, en 2016 cumpríronse 80 anos do golpe de Estado franquista que acabou, pola forza das armas e do terror, co réxime da II República (1931-1936). Amais, tamén en 2016, o concello de Cerdedo, 180 anos despois da súa constitución, deixou de existir por capricho persoal de quen pasará á historia cinguindo a bitola de alcalde terminal.

Antonio Sueiro Cadavide naceu no ano 1892 na aldea de Limeres, parroquia de Cerdedo. Fillo de Manuel e de Concepción (labregos), foi probabelmente o benxamín de varios irmáns, entre eles, Francisco (1868), Casimiro (1881), Camilo (1883) e Mariana (?1923), casada con Antón Márquez Iáñez, natural de Meilide (os meus bisavós).

A casa matriz, hoxe arruinada, sitúase no quinteiro do Lagharto, de aí que Antonio Sueiro (el mais a súa familia) fosen coñecidos co sobrenome do lugar de orixe, Antonio do Lagharto, e mesmo, coa identificación absoluta: o Lagharto (de Limeres).

Antonio Sueiro debeu manifestar ben novo a súa inclinación polo saber e o seu afán pola instrución pública. Nado nunha aldea carente de escola, non só se preocupou de ampliar os seus coñecementos máis alá do básico (puro autodidactismo), senón que entendeu a educación como un dereito e unha necesidade social. Ben no seu rol de activista cultural, ben na súa faceta política, priorizou a erradicación do analfabetismo, pois era consciente que só deste xeito o pobo lograría atinxir maiores cotas de liberdade.

En 1918, con apenas 26 anos, promove, funda e preside a Sociedade de Recreo e Instrución de Limeres (Progreso, 15-2-1918), unha precursora iniciativa comunal que, amais de garantirlles a competencia lecto-escritora a todos os veciños (nenos e adultos, mulleres e homes), forneceu a aldea dunha moi notábel biblioteca. O seu irmán Camilo desenvolvería o cargo de vicesecretario.

Cómpre salientar que o devandito centro de ensino e lecer fíxose realidade grazas á largueza dunha veciñanza comprometida (diñeiro, materiais ou man de obra), non en van Limeres coñecíase daquela co sobrenome da "Pequena Rusia". O pobo unido contra a adversidade, pois, nin a autoridade civil (usureira e corrupta) nin a autoridade relixiosa (integrista) vían con bos ollos a escolarización universal, pois na ignorancia da xente alicerzaban o seu predominio secular.

Na sede da Sociedade de Recreo e Instrución acabarase instalando no ano 25 a escola pública de Limeres. Non é casualidade que a súa apertura cadrase no tempo coa alcaldía doutro rexedor tan efémero coma meritorio: o mestre socialista Francisco Varela Buela, don Paco (1924-26), encarcerado e inhabilitado a perpetuidade tras a sublevación fascista de xullo do 36.

Antonio Sueiro Cadavide, acorporado e xovial, foi un home polifacético: labrego, canteiro, carpinteiro, músico (célebre gaiteiro con coñecementos de solfa)... Non se limitou Sueiro a desenvolver con habelencia e honestidade as súas múltiples ocupacións, senón que, testemuña activa do seu tempo, liderou os diversos movementos asociativos de xorne político e cultural que agromaron naquel Cerdedo vital do primeiro terzo do século XX.

Antonio do Lagharto, presidindo a Sociedade de Agricultores de Lourido, federada despois na Sociedade de Agricultores de Cerdedo, defendeu os intereses da clase obreira e labrega, erixindo este pequeno concello montañés nun dos referentes do movemento agrarista e da loita anticaciquil, en pugna co poder omnímodo do riestrismo. É ben significativo que na Federación agraria cerdedense, a parroquia de Cerdedo estivese representada por dous colectivos: o propio da capital e mais o de Lourido, unha pequena aldea, próxima a Limeres, localizada á beira esquerda do Lérez. Tentando contrarrestar a mentalidade minifundista cos valores da unión e da solidariedade, cara ao remate dos anos 10 ou comezos dos 20, na avantaxada aldea de Lourido botaría a andar unha pioneira cooperativa agrícola, por iniciativa, entre outros, de Antonio Sueiro Cadavide.

Sen dúbida, un dos feitos históricos máis relevantes deste período foi a "grandiosa" manifestación do 13 de xaneiro de 1916 que, convocada polas colectividades labregas, conseguiu que uns 3.000 cerdedenses (dun padrón de 5.000) baixaran a Pontevedra para esixirlle ao gobernador civil a fin da fraude electoral. O 22 de xuño de 1916, o xornal pontevedrés Progreso aínda titulaba en portada "El robo electoral de Cerdedo". O pobo revoltado berra: "Hai que queimar Cerdedo!!".

Tras unha década de frustrantes procesos electorais, mangoneados polo pezoñento "artigo 29" da Lei Maura (1907), o 11 de febreiro de 1917, os agrarios cerdedenses derrotan as candidaturas riestristras, encabezadas polo rico industrial e contratista Secundino Bugallo Sieiro, e invisten alcalde a Xosé Fentanes Barros, un labrego da parroquia de Pedre. En Cerdedo, a honorabilidade encarnábase por fin nun cargo público. Iniciábase en Cerdedo un breve período de rexeneración que dei en chamar "Trienio Agrarista" (1917-1920).

O 31 de decembro de 1917, nun acto celebrado no local social de Deán (Figueiroa), Antonio Sueiro asume a vicesecretaría do Gremio de Canteiros e Oficios Varios, no seo da Federación de Agricultores de Cerdedo presidida por Xosé María Nieto Varela. Benigno Valiñas, presidente saínte, exclama: "...año que realmente deben señalar con piedra blanca aquellos entusiastas y abnegados defensores, por haber afirmado durante él su predominio en el Ayuntamiento y haber expulsado victoriosamente al caciquismo local de los últimos reductos desde los cuales intentaba todavía defenderse" (Progreso, 3-1-1918).

Consonte a lembranza do pobo, dous anos antes (1915), convidado pola Agrupación Socialista de Cerdedo, Pablo Iglesias Posse, o fundador do PSOE (1879), protagonizara no estrado de Deán un mitin multitudinario. Losada Diéguez, Castelao, Carbonell... engádenlle lustre a unha ampla nómina de oradores.

Na festa do 1º de Maio de 1918, as sociedades agrarias de Cerdedo, Figueiroa e Tomonde conflúen ás dez da mañá na ponte Valoutas. Á fronte da comitiva de Figueiroa vai Antonio Sueiro, en calidade de presidente dos agrarios de Lourido e, asemade, consumado gaiteiro. O chiar da gaita do Lagharto resoa eufórica na valiña. A multitude atravesa Cerdedo e na Fábrica (no alto de Cerdedo) súmanse ás colectividades de Parada, Forcarei, Soutelo, Pardesoa e Presqueiras. Xantar fraternal e arenga afervoada na carballeira de Cernados. O xornal Progreso (3-5-1918) non aforra eloxios á hora de cualificar o evento: "Modelo de civismo, democracia y orden".

A por de acudir a Deán, entre mitin e xuntanza, Antonio Sueiro Cadavide coñece a Xosefa Bouzas Cortizo. Namóranse e, sen legalizar á matenta a súa unión, traen ao mundo dous fillos: Camilo e Linauria. Na loita polos dereitos sociais, Cerdedo era, a comezos do pasado século, paradigma de modernidade.

Continuará...

Compartir el artículo

stats