Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As sete marabillas de Cerdedo (II)

Á parte dos agasallos da natureza, o municipio contempla fermosas obras de arte de grandes construtores

Petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre).

Petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre).

Se escoller as sete marabillas coas que a natureza agasallou o concello de Cerdedo foi unha tarefa complexa, aínda o foi máis, elixir as sete alfaias coas que artistas e construtores de todos os tempos enfeitaron o xa fermoso de seu.

Tras o arduo proceso de selección, achego, a seguir, a listaxe resultante, cuxos elementos se ordenan atendendo á súa maior ou menor antigüidade: o petróglifo da Laxa das Filloeiras (Pedre), o castro das Cercas (Parada), a Pontapedre (Pedre), a talla do San Miguel (Arén-Cerdedo), o cruceiro de San Tomé (Quireza), o panteón dos Taboada (Folgoso) e o cantigueiro de Manuela de Barro (Barro de Arén-Cerdedo).

Os cinco círculos concéntricos (diámetro da circunferencia exterior: 1'64 m) e as oito ou nove coviñas centrais que compoñen o grupo principal do gravado rupestre da Laxa das Filloeiras (monte de Pedre, coordenadas: X-546.899; Y-4.708.045) foron redescubertos, tras corenta anos de esquecemento, polo colectivo Capitán Gosende en marzo de 2012. Mentres se efectuaban labores de roza e limpeza no lugar, Capitán Gosende atopou un novo panel composto por, cando menos, corenta e catro focas de tamaños diversos (dos 23 aos 4 cm). Foi, precisamente, o segundo panel o que lle outorgou a xa coñecida denominación "Laxa das Filloeiras", pola semellanza dos motivos coa pedra na que, de xeito tradicional, se cociña a saborosa sobremesa.

O atractivo do lugar non se limita á rara inscultura. Unha serie de afloramentos graníticos, arrodean o laxedo, derregando un espazo ritual circular duns 1.000 m2 de superficie. Este santuario rupestre da Idade do Bronce (uns 4.000 anos de antigüidade) foi sinalizado e dado a coñecer por Capitán Gosende. A ignorancia ou o desleixo consentiron que unha ancha devasa atravese de norte a sur este depósito arqueóloxico que non figura no catálogo de Patrimonio nin no PXOM de Cerdedo. O sitio arqueolóxico ha ficar a uns 250 m ao sur da trincheira do AVE que, atinxindo unha anchura de 100 m (250 m, ancho de afectación), cruzará polo sur o lugar de Pedre (O Salgueiro), a chamada "aldea museo".

Os vestixios murados do castro das Cercas localízanse no monte de Parada (506 m de altitude, coordenadas: X-553.178; Y-4.711.820). O historiador Manuel Reboredo Tajes ("A cultura castrexa nos vales dos ríos Lérez-Almofrei e Verdugo-Oitavén", 2008, páx. 191) anota: "Trátase dun castro asentado na parte elevada dun coto, nun esporón en interfluvio, na marxe esquerda do Lérez e dereita do seu afluente o Freixas".

Os poboadores da Idade do Ferro (uns 2.000 anos de antigüidade) aproveitaron a esgrevia orografía en favor da inexpugnabilidade. Malia que a matogueira agocha hogano os parapetos, a tecnoloxía ortofotográfica (véxase a ilustración) permitiunos descubrir como o amplo recinto principal se arrodea dunha muralla semielíptica polo norte, sur e oeste, mentres que o flanco leste se confiou á pronunciada caivanca escavada polo regueiro da Freixeira.

Catalogado por Patrimonio, carece de toda sinalización. O acceso a pé faise a través da ponte de Parada, sobre o Lérez, que, datada en época romana, integra unha antiga rota de arrieiros de viño do Ribeiro e de peregrinos a Compostela. Na outra beira do Lérez, a escasos 200 m das Cercas (cara ao oeste) e ao pé do lugar da Mouteira (cara ao norte), áchase o depósito arqueolóxico do castro da Mouteira que, advertido por Capitán Gosende, carece de catalogación patrimonial e tampouco está contemplado no PXOM.

Sobre o Lérez, comunicando os lugares de Pedre e O Serrapio, érguese impertérrita a Pontapedre. A ponte de Pedre é un magnífico exemplo de arquitectura baixomedieval. Datada nos séculos XII-XIII, o pobo atribúella ao canteiro Petrus Petri (Pedro de Pedre), proxenitor do mestre Mateo. A Pontapedre sostense sobre tres arcos disímiles e levemente apuntados, característicos da enxeñaría gótica. Dotada de peitorís, a construción ten unha lonxitude de 60 m. A luz do arco mor é duns 12 m. Dous tallamares e dous contrafortes arrostraron as ametidas do río ao longo de 800 anos. O monumento require unha urxente consolidación.

O 2 de decembro de 1745, o Padre Sarmento decátase, in situ, do relevante da infraestutura: "Hasta San Esteban de Pedre, cuatro leguas de Pontevedra, en donde está la puente de Pedre y de piedra, no se halla otra hasta la de Pontevedra sobre la ría. El puente de Pedre, que he visto, es muy antiguo, y por ella vi pasar a Santiago muchos portugueses y gallegos de la provincia de Tui".

O 22 de marzo de 1809, As veigas do Serrapio, na redonda da Pontapedre, foron escenario da derrota das tropas napoleónicas, inflixida a mans das milicias aldeás comandadas por Bernardo González "Cachamuíña". Un día antes, a moza Rosa Neto, veciña de Pedre (Rosiña de Pedre), acurralada pola soldadesca, optou por guindarse da ponte embaixo, antes de entregar a súa louzanía ao gavacho invasor.

No ano 1986 (ou 87), o conxunto monumental da Pontapedre foi desposuído do muíño de Sieiro, maquieiro de catro moas, trasladado a Codeseda (ás marxes do río Umia), en troco dunhas 300.000 pesetas e por mor do proxecto de construción da barraxe de Dorna (postergado sine die) que suporía o asolagamento da ribeira do Lérez.

No eido mítico, a Pontapedre é marco propiciatorio do ritual do enxembramento (bautismo prenatal). A cruz que lle outorgaba tal condición foi roubada e hoxe só fica o pedestal no que se engastaba.

En maio de 2013, Capitán Gosende ergueu os peitorís da Pontapedre, xacando derrubados, acometeu labores de roza, denunciou o seu estado de abandono, dotouna de sinalización explicativa e integrouna no seu "Roteiro polo Pedre milenario". A iniciativa foi eloxiada nas redes sociais. O partidista vandalismo local estragou o cartaz informativo un ano despois.

Continuará...

Para continuar leyendo, suscríbete al acceso de contenidos web

¿Ya eres suscriptor? Inicia sesión aquí

Y para los que quieren más, nuestras otras opciones de suscripción

Compartir el artículo

stats