O domingo 9, en sesión de tarde, o colectivo Capitán Gosende recuncou na busca do petróglifo da Laxa das Buratas, batendo minuciosamente as vertentes pedrosas do monte de Santa Mariña de Presqueiras (Forcarei).

O domingo 2 de xuño, principiaramos as tarefas de localización do gravado ruspestre na contorna do Outeiro do Cuspe. Naquela ocasión, o labor desenvolveuse por riba dos 840 m de altitude e a uns mil metros de distancia (en liña recta e cara ao sudoeste) do lugar de Alfonsín. Tras unha primeira tentativa infrutuosa, xuramentamos porfiar na descuberta do sitio arqueolóxico, emprazándonos, se a meteoroloxía o permitir, o domingo seguinte.

O interese de Capitán Gosende por atopar e sinalar a dita estación petroglífica de Presqueiras é proporcional ao degoro que a compañía canadense Solid Mines vén manifestando por ripar os metais estratéxicos (tántalo, niobio, litio...) do subsolo daquela montaña.

O albeitado da zona comezou a iso das catro da tarde. Gozouse dunha boa temperatura, malia que a néboa impedía a visión máis alá dos cincuenta metros e unha lene poalla empecía o camiñar dos que portaban anteollos. Ao lonxe, bo agoiro, cucaba o cuco (Cuculus canorus) e rinchaba o paxaro da chuvia (Picus viridis).

Xa en Alfonsín, Ignacio Grande, Pedro Péon, Xoán Soto e quen asina abandonamos a estrada PO-2204 e camiñamos uns 800 m pola mesma pista lousada que, unha semana antes, nos conducira até o cimeiro do Cuspe. Como aconteceu durante a primeira excursión, o chan confeitado en milfollas, as rodeiras dos carros e o pedrullo salferido de reladuras de estaño acapararon a conversa.

A unha altitude que roldaba os 700 m detivemos a ascensión e, como acordaramos na xuntanza do mércores, afastámonos do camiño e avanzamos monte a través, non sen antes facer reparto das áreas de busca. A superficie de terreo abranguida foi dunhas 10 ha. A zona sitúase por riba dunha mesta repoboación de piñeiros e fica acoutada por dous regueiros.

Naquela altitude, a uns 600 m (en liña recta e cara ao nordés) da inclemente toxeira do Outeiro do Cuspe, as abas do monte de Alfonsín apenas logran disimular a súa nudez. O chan é unha lastra vasta e descarnada na que, con moita dificultade, subsisten o toxo, o carrasco e a carqueixa. A natureza esgrevia do terreo atopou no lume cadaneiro un podente aliado. No lugar son evidentes as feridas aínda non ben cicatrizadas dun pavoroso incendio acontecido meses atrás.

De non ser pola parca vexetación, á paisaxe acaeríalle o cualificativo de deserto de pedra. Na orientación NO-SE, o metamorfismo foliar, alcouve das terras raras, monopoliza o escenario. Aqueles lombos peneleiros posúen unha beleza adusta, primitiva, que nos fai partícipes da desmesura xeolóxica. Mesmo semella que esteamos a camiñar sobre a tona dun mar suspendido no tempo, petrificado. A cada pouco, rompe a pétrea ardentía contra un cantil imaxinario. Súbito, emerxe dos abismos telúricos o espiñazo dun leviatán estarrecedor.

Consumiramos hora e media na angueira, cando, de socate, o compañeiro Pedro Peón, acenando compulsivamente, reclamou a berros a nosa atención. Aburados pola curiosidade, fómonos congregando ao seu redor. Diante nosa, ocupando a face leste dunha crista rochosa, despregábase o magnífico panel da Laxa das Buratas.

Houbo apertas e parabéns. Non era para menos, pois, como xa coñecen os nosos lectores (Faro de Vigo, 2-6-2013), setenta e catro anos despois da providencial e esclarecedora visita de F. Bouza Brei, o colectivo Capitán Gosende volvía dar co petróglifo que, dende aquelas, se consideraba perdido. Honrando a verdade e malia que rexeitemos as prácticas incendiarias, a acción do lume facilitou a localización do gravado rupestre ao eliminar o tapiz vexetal que o mantiña oculto. Os prexuízos que os incendios forestais provocan na arte rupestre son irreparábeis.

A Laxa das Buratas é un afloramento granítico-xistoso duns 10 m de longo que acada os 2 m de alto na súa parte central. A Laxa das Buratas, a semellanza do conxunto xeomorfolóxico do que forma parte, presenta unha orientación NO-SE. O escultor prehistórico aproveitou o lenzo de cara ao nacente para, valéndose dun punzón ou buril (probababelmente, de seixo), gravar, cando menos, 17 signos cruciformes e 3 rectilíneos (fondo en "U") que ocupan unha superficie rectangular de 3'25 m de longo por 70 cm de largo. Velaquí, as "buratas".

A técnica de labrado "pedra contra pedra", característica dos gravados rupestres da Idade do Bronce, determina uns riscos co fondo a xeito de "U", fronte aos sucos co fondo a xeito de "V", abertos cun útil metálico e, xa que logo, datábeis nunha época posterior.

Foi o "mapa" de Bouza Brei o que nos guiou até o tesouro do Cuspe. A comezos do ano 1940, o polígrafo ponteareán publicaba no "Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense" (nº 250) o artigo "Insculturas cruciformes de Presqueiras".

Bouza Brei que, por aquel entón, exercía de xuíz na Estrada, escribiría: "Sitúase Presqueiras al pie del monte del Seixo y una de cuyas estribaciones es el denominado Monte Alto de Presqueiras o Castro de Presqueiras, por bajo del cual se destaca a su vez el Outeiro de Cuspe. En este outeiro, entre las laderas N y S que reciben respectivamente los nombres de Rebordiños y Portiño y a la izquierda de un camino losado que sube desde el lugar de Alfonsín al Seixo, se emplaza una laja conocida en el país por "Laxa das Buratas" que hemos examinado recientemente".

No tocante aos gravados das Buratas, Bouza Brei apunta: "Ya nuestro informante, Bonifacio Blanco Tato, vecino del lugar de Alfonsín, de sesenta y nueve años, los veía cuando en su infancia guardaba ganado por el monte en que se sitúan". - engade: "pertenecería nuestra inscultura, cronológicamente, al eneolítico o principios del Bronce. Respecto a su interpretación, es de aplicación a nuestro grabado la general opinión que considera a los cruciformes como esquemas de la figura humana".

No tocante ao cruciforme de meirande tamaño (dobre cruz en posición central), Bouza Brei achega a seguinte hipótese: "la figura de Presqueiras ofrece evidente analogía ideográfica con conocidos petroglifos de animales unidos por sus extremidades", especulando sobre a probábel representación dun "acoplamiento sexual", consumado, neste caso, por humanos. Consonte o inquirido por Bouza Brei, a Laxa das Buratas podería considerarse como un dos exemplos máis antigos de arte erótica.

A Laxa das Buratas, situada a uns 500 m en liña recta e cara ao sudoeste do núcleo de Alfonsín, é, pois, un santuario rupestre cuxa antigüidade rolda os 4.000 anos. A Laxa das Buratas foi escolleita polos antepasados para escenificar arcanos rituais vencellados coa fertilidade e a fecundación. A Laxa das Buratas é un altar dedicado aos nosos deuses antigos e á súa providencia. Estamos certos que o pobo de Presqueiras habería mostrar a súa radical oposición á derrruba dos templos parroquiais, por moito coltán que acugulasen os cimentos. Pois, cómpre entender que o San Miguel a Santa Mariña e a Laxa das Buratas son, todos tres, algarismos da mesma suma.

Por se for necesario, lémbrolles o redactado na Disposición adicional II da Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural da Galiza: "As áreas de protección para os elementos puntuais estarán constituídas por unha faixa de profundidade medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe de: 200 metros, cando se tratar de restos arqueolóxicos (mámoas, dólmenes, petróglifos, castros, etc.)".

Tomando como centro a Laxa das Buratas, e axustando a área de protección (ou cautela) a unha circunferencia de 200 m de raio, a superficie resultante ascende a unhas 12'5 ha de monte comunal, libres da rapina de Solid Mines. Xa puido o prehistórico escultor terse prodigado máis.