Vázquez Pintor rememora a súa nenez con "A Terra do Medio"
O libro pertence á colección "Viaxes Literarias" de A Nosa Terra

Vázquez Pintor presentou o libro no Museo Municipal de Lalín.
SALOMÉ SOUTELO - Lalín
Xosé Vázquez Pintor (Melide, 1946) presentou onte no Museo Municipal de Lalín a súa última obra, "A Terra do Medio". O libro é en realidade unha biografía do autor na que se recollen as súas impresións durante os anos da nenez e da adolescencia na zona, "pois cando case e marchei a Cangas, produciuse a ruptura coa miña tribo", tal e como explicaba. Como era inevitable ao presentar tal título, Vázquez Pintor aclarou que o auténtico centro de Galicia se atopa na aldea de Nugallás, en Antas de Ulla, onde diversos literatos promoverán un "encontro máxico" na primavera do ano que vén.
Mentres, o lector poderá ir descubrindo os primeiros anos de Pintor nos concellos de Melide –onde naceu e viviu ata os catro anos, para volver aos nove e continuar estudos– Lalín, Rodeiro, Santiso, Toques e Agolada, onde ten familia paterna e onde desenvolve un papel moi activo na recuperación do seu patrimonio. Ademais, tanto na portada como na contraportada do libro aparecen as igrexas de Merlín e a de Carmoega.
O autor de outras obras como "Os vellos oficios" ou "Para dicir abril" asegura que neste "A Terra do Medio" evitou facer mención doutros concellos tamén vinculados á súa experiencia vital, como Silleda e Vila de Cruces, "que xa tén o seu propio autor", referíndose a Xosé Neira Vilas.
O volume presentouse recentemente na segunda Feira do Libro de Melide e forma parte da colección "Viaxes Literarias" que edita A Nosa Terra e que, nun inicio, só se ía poder consultar en internet. Finalmente, a viaxe no tempo de Pintor tomou forma en 70 páxinas nas que volve primar o interese do autor por recuperar o léxico da xente de a pé, "ese que nin sequera está no dicionario", afirma. É por iso polo que tamén incorpora cancións populares, como a referida ás mozas de Rodeiro, ou personaxes que na nenez de Pintor marcarían a súa aprendizaxe, "como a chamada vella de Goiás, que curaba coas mans e á que se acudía cando a ciencia fallaba", ou o compoñedor de Soutolongo, a quen irremediablemente coñecían todos os nenos da zona por arranxar ósos rotos tras unha caída de bicicleta.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- La borrasca Claudia pone a Galicia en alerta por riesgo de inundaciones, fuertes vientos y mala mar
- Condenan a un supermercado a indemnizar a 76 trabajadores gallegos por practicar «esquirolaje organizativo» durante una huelga
- Augas alerta al Concello ante el «riesgo de desabastecimiento de más de 400.000 personas» en Vigo
- Una pareja crea el primer local de alquiler de trasteros de Vilagarcía
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- El mejor centollo de Galicia se va al restaurante preferido del rey emérito