Arianna Cambeiro leva sendo parabenizada dende a pasada fin de semana por ser a primeira árbitra de balonmán de Rodeiro. A xoven estuda en Ourense e recoñece estar aínda nerviosa despois de estrearse en competición oficial.

–Cando foi o de convertirse na primeira árbitra de balonmán do municipio de Rodeiro?

–O certo é que todo ten que ver co moito que nos gusta a miña irmá e a min o balonmán. Ela pode xogalo, pero eu non puiden xogalo todo o que me gustaría. Por sorte, a miña irmá empezou en Rodeiro e conseguiu ter equipo. O que pasa é que a min apetecíame tanto o balonmán e non quería, digamos, desvincularme. Unha opción era facer o curso de adestradora, pero este verán non tiven tempo, porque tiña moitos compromisos de todo tipo, como, por exemplo, sacar o carné de conducir. O certo é que non me daban as horas. Ao rematar o verán, vin o anuncio de árbitra e fun probar.

–Cal foi a razón pola que tivo que pitar o derbi comarcal?

–A verdade é que dixéronnos que iamos empezar pitando en balonmán 5 ou minibalonmán pero, como hai falta de árbitros, supóñome que me mandaron pitar ás cadetes e infantís.

–Como se viu no primer partido oficial da súa vida deportiva?

–Teño que recoñecer que ía bastante nerviosa, porque era xusto pitar a miña irmá nun partido contra un equipo de Lalín, que é como un Madrid-Barça. Pasado o tempo, penso que non o fixen todo o ben que debería facelo, porque ao rematar o partido a xente que estivo alí me comentou que, para ser principiante, o fixera bastante ben.

–Vai seguir pitando nas vindeiras xornadas do campeonato?

–Non o sei. Supoño que dependerá das necesidades da federación. Penso que no mes de decembro volvemos ter como outro stage e, ao mellor, aí as que somos aspirantes poderemos arbitrar a xuvenís ou categorías semellantes.

–Haberá máis mulleres árbitras nun concello como Rodeiro?

–Lembro que cando fun ao stage na Estrada había moitísimos xogadores de equipos. Eu xa lle dixen a miña irmá que, se algún día quería, tamén podía facer o curso. É unha forma distinta de ver o balonmán. Unha cousa é xogar e outra estar arbitrando un partido.

–Que lle pareceu a súa irmá dende o punto de vista de árbitra?

–Moi ben. A parte, gañaron por moitísimo e entón tamén eu estaba contenta. Eu tiña medo pola grada, porque os pais berran bastante neste tipo de encontros e eu son moi sentida. Pero xa che digo que todo foi moito mellor do previsto neste tipo de derbis tan disputados.

–Hai partido esta fin de semana?

–Teño compromisos familiares e xa lle dixen á federación que non podía, pero ata decembro penso seguir pitando, a non ser que teña causas moi xustificadas.

–Gustaríalle chegar a poder pitar na Liga Asobal?

–Iso é un soño para calquera que sexa árbitro de balonmán. Por min non vai quedar. Supoño que non vai ser doado porque hai que ter moita práctica e anos de experiencia. A min faláronme dunha rapaza, pero penso que xa está retirada. De feito ten un pavillón na Guarda. Xa digo que sería un soño.