Fútbol

A Federación Galega e Cinfo lanzan a televisión do fútbol e do fútbol sala galegos

Presentación do acordo no congreso.

Presentación do acordo no congreso. / FGF

A RFGF e Cinfo anunciaron no III Congreso Intercional de Adestradores de Fútbol e Fútbol Sala “O Camiño do Futgal” celebrado na Coruña esta pasada fin de semana que asinaron un convenio para poñer en marcha a televisión autonómica deportiva galega na tempada 24-25.

A televisión deportiva autonómica galega é unha plataforma de televisión por internet que permitirá a todos os afeccionados ao fútbol e fútbol sala ver os seus equipos locais. A televisión deportiva galega estará dispoñible a través de aplicacións en dispositivos móbiles, Smart TV, Android TV e navegadores. No servizo de navegación tamén terás un servizo multicámara e unha vista táctica para adestradores.

Con este acordo, 123 equipos galegos, tanto masculinos como femininos, que militan nas ligas autonómicas de fútbol e fútbol sala estarán dispoñibles nunha única plataforma onde todos os afeccionados poderán localizar facilmente o partido dos seus clubs favoritos. A RFGF reúne máis de 110.000 licenzas federativas que recibirán este servizo de forma gratuíta.

A retransmisión dos partidos utiliza o sistema de Intelixencia Artificial e de produción na nube Cinfo que permitirá emitir todos os partidos minimizando o custo e sen baixar a calidade, xa que os eventos poderán ter voz en off, repeticións, marcador e todo o necesario para ter unha produción atractiva. O centro de produción e control instalarase no CSA da Cidade TIC.

Esta plataforma será gratuíta para todos os afeccionados e está aberta ao resto de clubs e federacións de Galicia para que poidan emitir as súas ligas e crear unha comunidade deportiva galega arredor desta televisión.

Competicións seleccionadas

As ligas seleccionadas pola RFGF son a Preferente Galicia masculina de fútbol, a Primeira División Galega Arzúa-Ulloa DOP feminina e as Preferentes de fútbol sala masculina e feminina.

Modelo cooperativo

O proxecto ten un modelo cooperativo. Os propios clubs poderán xestionar o seu inventario de publicidade, incluso tendo os seus propios locutores, con presenza en pantalla.

"Outro acordo para a historia"

O presidente da RFGF, Rafael Louzán, mostrou a súa satisfacción tras a sinatura do convenio. "É un acordo máis para a historia do fútbol e fútbol sala galegos. Estamos tremendamente satisfeitos e temos que agradecer a Cinfo o compromiso que asumiu con este proxecto".

Ademais, Louzán destacou que "estamos ante un proxecto no que levamos anos traballando e que por fin chegou a bo porto. Ademais de ter a posibilidade de ver un gran número de partidos cada fin de semana, os propios clubs terán a oportunidade para xerar ingresos propios"