Fútbol

A Irmandiña somos todos

A selección galega retorna tras oito anos cun partido ante Panamá o 31 de maio - Balaídos, o escenario escollido pero pendente de negociación - O calendario de Segunda e Primeira RFEF condiciona a convocatoria

Lucas Pérez e Iago Aspas,
no partido de Riazor.   | // 13FOTOS

Lucas Pérez e Iago Aspas, no partido de Riazor. | // 13FOTOS / Armando Álvarez

Armando Álvarez

Armando Álvarez

Volta a Irmandiña. A Federación Galega anunciou onte de xeito oficial que a selección absoluta recupera a actividade oito anos despois do seu último partido amigable, que son os permitidos polo de agora. A iniciativa “dá resposta á demanda da afección galega”, aseguran dende a institución. Anticipan a data, o 31 de maio, e o rival, Panamá. Nas vindeiras xornadas anunciarase a identidade do seleccionador, que terá que combinar desexos e compromisos oficiais dos xogadores. Respecto do escenario, na federación están negociando que sexa en Balaídos.

A selección galega comenzou a funcionar nos anos vinte do pasado século, certo que para enfrontamentos con equipos doutras federacións españolas en torneos como a Copa do Príncipe de Asturias. Coa recuperación da democracia, convertiuse nunha reclamación frecuente, sempre ensarillada nas liortas da política miuda. O colectivo Siareiros Galegos foi esencial para acadar finalmente o obxectivo: a estrea da selección galega masculina de fútbol na súa versón moderna, alcumada deseguida A Irmandiña. Sucedeu en San Lázaro, actual Vero Boquete, o 29 de decembro de 2005 ante Uruguai. Un país sempre referente. Hoxe cúmprense precisamente cen anos do primeiro partido que o Celta xogou en Coia contra esa “ráfaga olímpica” que louvou Manuel de Castro “Hándicap”. Desta vez gañou Galiza por 3-2.

O partido da selección galega converteuse durante uns anos nunha cita clásica de Nadal. Foi unha xeira invicta: empate 1-1 con Ecuador en Riazor, empate 1-1 con Camerún en Balaídos e victoria por 3-2 sobre Irán en Riazor. A actividade cesou en 2008 para retomarse puntualmente en 2016, desta vez en maio, con outro empate 1-1 ante Venezuela en Riazor.

Dese último precedente, que chegou a semellar o derradeiro, queda como icona un aliñamento de ídolos: Iago Aspas e Lucas Pérez, tantas veces enemigos nos derbis, asociándose sobre o céspede e na alma. De feito, a Federación Galega confesa que desexa reunir “un gran elenco encabezado por dous emblemas do noso fútbol”. A vontade dos astros está asegurada. Pero depende doutros factores.

O amigable non se puido arranxar para outra data. A contratación sempre difícil dun adversario foi posible porque Panamá, dirixida polo ex azulgrana e internacional español Thomas Christiansen, xa tiña previsto unha viaxe a España para xogar contra Catalunya. A selección centroamericana está a preparar a súa participación na Copa América, que empeza o 20 de xuño. Amáis, é un día que facilita a presenza dos seleccionados galegos, xusto despois de concluir a tempada e sen interrumpir os súas viaxes de vacacións.

Pero o certo é que ese factor só convén ós que xogan en Primeira ou nas grandes ligas continentais, que rematan o 26 de maio antes por mor do Europeo. En Segunda, a fase regular non conclúe ata o 2 de xuño –e o Racing, de Iker Losada por exemplo, ben podería clasificarse para os play offs de ascenso–. Na Primeira RFEF, a fase regular sí finaliza o 26 de maio. Pero Deportivo, Celta Fortuna e Arenteiro poderían ter que xogar as eliminatorias do ascenso. No caso do Deportivo, gran favorito para o ascenso directo, terían que medirse ó campión doutro grupo polo título da categoría. Nesa hipótese, varios seleccionables xa teñen apuntado que participarán coa Irmandiña sen problemas.

E así, con Balaídos como campo idóneo por rotación e loxística (pódese artellar todo con antelación e en Santiago celébrase o Son do Camiño) pero pendente de negociación, os siareiros xa están embarullados no lea da convocatoria ou do once ideal. Un debate que todos levaban arelando oito anos.

Moitas quinielas nas redes sociais

Unha vez confirmado o regreso da ‘Irmandiña’, as redes sociais enchéronse de publicacións nas que a xente facía as súas quinielas sobre cal será o estadio no que se dispute o encontro, quen será o adestrador galego ou mesmo que xogadores deberían ir convocados.

Entre os adestradores favoritos polo público sinalábase especialmente a Fernando Vázquez, habendo no caso dos xogadores un debate moito maior. Como indicaba a propia federación, a dupla formada por Lucas Pérez e Iago Aspas lideraría ao combinado galego como emblemas dos dous grandes equipos da comunidade.

Pola parte do Celta, os xogadores que apuntan a estar na lista, ademais de Aspas, serían Iván Villar, Carlos Domínguez, Kevin Vázquez, Hugo Sotelo ou Miguel Rodríguez. A Irmandiña contaría tamén cunha gran representación de exogadores celestes, destacando os centrocampistas Brais Méndez e Gabri Veiga, que poderían estar acompañados de Santi Comesaña, Sergio Carreira, Fontán ou o santiagués Borja Iglesias.

Dende o Deportivo, as principais apostas sumarían a Lucas Pérez a tres dos canteiráns destacados no conxunto branquiazul: Diego Villares, David Mella e Yeremay Hernández. Este último naceu en Canarias, pero leva en Galicia dende os 14 anos e xa representou á selección en varias ocasións nas categorías inferiores. Tamén habería exbranquiazuis na posible lista, destacando Joselu Mato, Hugo Novoa ou Dani Rodríguez, que ven de xogar e anotar un gol na final da Copa do Rey.

No Racing de Ferrol hai un xogador moi solicitado polos galegos, o ex do Celta Íker Losada, e outro nome que saíu moito é o de Héber Pena. Ademáis, na lista entrarían grandes estrelas do fútbol galego que levan anos fora da comunidade, coma Angeliño, Nico González ou Lucas Vázquez.

Con todo, a lista non só dependerá do adestrador que remate facéndose co cargo, senón tamén dos equipos que se estén xogando algo. Pois o certo é que na fecha escollida para o encontro haberá varias competicións en curso, en concreto: o play-off de ascenso á Primeira División (no que desexa participar o Racing), o de ascenso a Segunda División (con Deportivo, Celta B e Arenteiro coma candidatos) e o de ascenso a Primeira RFEF, que podería dificultar a presenza de siareiros do Pontevedra, Ourense, Coruxo e mesmo SD Compostela. Ademáis, a fecha escollida foi moi criticada pola afección galega por coincidir con outros dous grandes eventos de carácter social e deportivo: a celebración do Son do Camiño en Santiago e a final da Champions, respectivamente, escribe Valentín Álvarez.