A Copa Galicia de Ciclocrós vai consumindo o seu calendario sen deixar de acumular estreas. Este domingo a primeira edición do Ciclocross Concello de Nigrán ZVF-Porto do Molle exerceu de penúltima xornada do certame autonómico. Correndo ao carón da súa cidade, os vigueses Carla Fernández (Team Farto-BTC) e Samuel González (Máis Que Bicis) reinaron nas carreiras elite-sub23 do evento organizado polo Club Ciclista Coruxo.

O cuarto triunfo absoluto, e terceiro consecutivo, da líder da xeral Elite-Sub23 e Júnior chegou nunha cita na que non participaron as súas principais adversarias ao longo de esta temporada por atoparse na provincia de Valencia competindo en probas de nivel internacional. Dominando con autoridade, a sub23 Carla Fernández venceu cun tempo de 53 minutos e 59 segundos. A segunda posición correspondeu á elite Isabel Castro (Condado Bike), cruzando a liña de meta a 2:04 da gañadora, e terceira finalizou a líder elite María Jesús Barros (Spol). A primeira júnior foi Sonia Domínguez (XSM).

Primeira de Samuel

A esixencia do trazado de Porto do Molle incrementouse pola presenza da lama que se formou como resultado das chuvias dos días previos. Un barro pegañento que non freou a Samuel González para obter o seu primeiro triunfo absoluto desta campaña aproveitando a ausencia do líder elite-sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), convocado pola Seleccón de Galicia para competir en Valencia. O representante do Máis Que Bicis saíu moi forte e rodou en solitario dende a primeira volta grande ao circuíto.

O elite vigués ergueu os brazos cun colchón de 56" de vantaxe despois de 1 hora e 38 segundos de esforzo. Máis igualada estivo a pugna polo segundo posto absoluto e elite, con Saúl López (Academia Postal-Abanca) superando por 2" ao líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal), que lle recortou máis de 20" nas dúas últimas voltas ao ciclista Maceda. Cuarto, e primeiro sub23, terminou Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas).

Podio élite e sub 23 en Nigrán. Pirucho

O palmarés deste evento tamén o inauguraron Lorena Patiño (Compostelano) e Martín Díaz (Caimanes Betanzos) en cadetes, Roberto Pereira (Cidade de Lugo-Mybike) nos juniors, Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas) e Miguel Porto (Ponteareas) en máster-30, Marina González (Illas Cíes) e José Rodríguez 'Tami' (Norinver) en máster-40; Juan José Saborido (Speedcross) nos máster-50 e Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60.

A falta dunha xornada para que conclúa a Copa Galicia 2021, que baixará o pano o vindeiro domingo en Ponteareas co Ciclocross Borja Gómez Méndez, as clasificacións xerais están lideradas por María Filgueiras (Río Miera) e Tomás Pombo (Cambre-Caeiro) en cadetes, Laura Mira (Supermercados Froiz) e Ricardo Buba (Coruxo) en juniors, Carla Fernández e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) en sub23, María Jesús Barros e Rubén Deaño en elites, Eva Ortega e Jonathan Sousa (In Situ) en máster-30, Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40; Sonia Costoya (Corbelo) e Antonio Sousa en máster-50, e Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.