Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

campo do fragoso

"Fútbol dell'arte" colectivo

Pie de foto de Faro Vigo de 2 líneas máximo. // FDV

No serán do sábado gozamos dunhas cantas xogadas do Celta que poden ser clasificadas como propias do "fútbol dell'arte", unha das variantes deportivas das Belas Artes. Dúas paradas imposibles de Sergio Álvarez, o Gato de Catoira, e un gol fantástico de chapeu de Iago Aspas, o Xenio de Moaña, constituíron accións de grande beleza que, a pesar de durar apenas uns segundos, coma lostregazos dunha treboada nocturna, os espectadores conservaremos nítidas na memoria. Eis outro dos valores do fútbol, constituír unha forma visual da beleza, eis o carácter de cada un dos partidos como confrontación de intelixencias en movemento, onde se formulan, como escribiu André Maurois, problemas matemáticos de gran complexidade que se resolven nun alustro.

Faltariamos a verdade se considerásemos estas tres accións extraordinarias illadas, froito do talento ou da fortuna dos seus autores, xa que o sábado foi todo o equipo de Eduardo Berizzo quen deu unha demostración desmesurada de xenerosidade no esforzo, de compromiso colectivo para facer fronte á inferioridade numérica, de resistencia e do sufrimento compartido até os límites dos límites. Actitudes asumidas por todos os membros dun cadro que funcionou como un verdadeiro equipo que facilitaron a aparición na lameira da lucería nas biqueiras de Aspas ou nas luvas de Sergio. Eis outro dos valores do fútbol, constituír expresión dunha intelixencia colectiva e dun traballo solidario e compartido por un conxunto de once persoas, eis o carácter de cada partido como confrontación destas vontades e intelixencias compartidas sobre o farrapo da lameira durante noventa minutos.

Fronte ao Espanyol o Celta foi moi superior en ambas as dúas modalidades futbolísticas. Durante case toda a primeira parte intercambiou golpes cun conxunto marrulleiro, disposto a defenderse a ferro e fariña até atopar unha fenda illada, oportunidade que apareceu a media hora de xogo e que Sergio resolveu coa súa primeira man extraordinaria. Porén, o Celta nunca perdeu o contacto co balón conducido pola batura diesel de Pablo Hernández, un xogador determinante esta tempada, que medra cada partido, capaz de crear superioridades no medio campo, grazas ao seu poderío físico, que facilita numerosas recuperacións, e a súa capacidade técnica, que lle permite ofrecer magníficas asistencias entre liñas. Dunha desas accións do Tucu naceu o golazo de Aspas, que dende o campo propio soubo conducir entre os defensas e escoller unha vaselina de precisión para deixar conxelado ao meta catalán e asombrada a toda a bancada.

O partido mudou de raíz ao comezo da reanudación, tras a expulsión de Hernández. En inferioridade apareceu un Celta sensacional capaz de conmover á afección coa súa intensidade colectiva. Fabián Orellana botouse, entón, o equipo as súas costas coa intención de intensificar o ataque. Si, o ataque, leron ben. O compromiso do poeta chileno permitiu lanzar a Aspas que debeu resolver o partido nun tremendo longueirazo e a Bongonda que rematou a un dos paos. Oportunidades que repetiría o Xenio de Moaña noutras dúas ocasións, cando o Celta arrasaba con esa afouteza teimuda que Berizzo contaxia dende a banda. Unha marabilla!

Inevitablemente, o Celta pagou esforzo tan xeneroso e sufriu o seu durante os derradeiros vinte minutos. Xaora, os ventos lle foron propicios grazas ao traballo inmenso de Cabral e Mallo no eixo da defensa e a outra xenialidade de Sergio no minuto 83, unha man na mesma escuadra que enviou fóra unha cabezada catalá desde a área pequena. Quizais unha das mellores paradas da súa vida, que resolve de raíz calquera debate sobre a súa continuidade na portaría celeste. Foi o do sábado un partido memorable onde o Celta conxugou á perfección á disciplina táctica co talento individual, auténtico "fútbol dell'arte" colectivo. Un Celta que emociona!

stylename="070_TXT_dep_dcl_03">bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats