Hércules de Ediciones únese ás homenaxes ao escritor Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas, a fin de contribuír a preservar a riqueza do seu legado intelectual. Así, a editorial publicou "De Carballo Calero a Carvalho Calero" (Hércules de Ediciones), unha obra dirixida principalmente a escolares, pero que tamén pretende achegar a súa traxectoria a quen sinta curiosidade por esta figura destacada polo seu compromiso coa cultura galega.

Esta obra, escrita por Charo Baleirón Sóñora, Marta Domínguez Tenreiro e Belén Rodríguez Suárez, recolle unha breve biografía e unha cronobiografía, unha escolma de textos acompañada dunha guía de lectura que axuden á súa mellor comprensión e actividades como o "Paso a palabra" e o xogo-escapada "A caixa de don Ricardo", que levará ao lector a percorrer Ferrol descifrando enigmas ata conseguir abrir esa misteriosa caixa.

Actividades gratuítas para os colexios

Debido á situación actual pola crise do coronavirus e para fomentar a divulgación de contidos sobre o autor, Hércules de Ediciones ten dispoñible na súa páxina web este libro a un prezo simbólico de 4,95€, coa opción de descarga gratuíta da parte dedicada a actividades pedagóxicas para que os colexios poidan utilizalas nas súas propostas de traballo online cos alumnos, que están a facer con gallo do Día das Letras.

A obra vén a sumarse á colección de "Unidades didácticas das Letras Galegas", a través da cal Hércules de Ediciones cada ano dedica unha publicación ao protagonista homenaxeado nesta efeméride, como tamén o fixo o pasado ano con Antonio Fraguas.