Este ano 2021 é o ano de Ricardo Carvalho Calero pero o covid-19 está chafando a celebración. A última mostra chega hoxe. A Real Academia Galega acordou pospoñer o pleno extraordinario e público previsto para o Día das Letras Galegas e adicado a Calero. Cada ano, o 17 de maio, os académicos lembran á persoa homenaxeada nun pleno especial. Desta vez, celebrarase o 31 de outubro, segundo acaba de anunciar a RAG.

A institución mantén o lugar previsto, o teatro Jofre de Ferrol. O sábado 31 de outubro é a xornada despois do 110 aniversario do nacemento do homenaxeado. Os demais actos presenciais previstos pola Academia para as vésperas e as datas posteriores ó Día das Letras Galegas terán lugar á volta do verán.

Nunha nota, a Real Academia Galega informa de que "tomou esta decisión ante a evidencia crecente de que a mediados do mes de maio non será recomendable, nin quizais aínda posible, celebrar actos públicos concorridos. A medida, inédita nos cincuenta e sete anos de historia do Día das Letras Galegas, adóptase dende a responsabilidade ineludible, que esixe priorizar a seguridade do público asistente e de todas as persoas implicadas na organización dun acto destas características. O cambio de data desta e doutras iniciativas pretende tamén prolongar a celebración do Ano Carvalho Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega".

Non obstante, a RAG quere que o 17 de maio sexa igualmente "unha gran celebración colectiva". Por iso, realiza un chamamento a toda a cidadanía galega para que sexa así "valéndose das posibilidades do mundo dixital que tanto se están a aproveitar nestes tempos de obrigado afastamento social".

Por iso, ten previsto reforzar nas vindeiras semanas na Rede as iniciativas de divulgación da figura e da obra do filólogo, escritor e profesor Carvalho Calero, tanto a través da súa páxina web principal, academia.gal, e do proxecto para o público infantil Primavera das Letras (primaveradasletras.gal) como do Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal).