“Longa Noite”, a película maxistral de Eloy Enciso, vén de conseguir un novo premio. O xurado do festival de cinema independente de Lima, en Perú, Transcinema acordou otorgarlle o galardón á mellor película, segundo confirmou a FARO a produtora do filme, Beli Martínez.

O xurado destacou “o excepcional achegamento á memoria histórica a través da sobria antinaturalidade dos seus personaxes, das súas evocadoras imaxes e da recuperación fundamental da palabra, esencial e atemporal”. Na acta, tamén resaltaron que consegue “unha potente reflexión política sobre a guerra e o fascismo de onte e de hoxe”.

“Longa Noite” -que tamén conseguira o Boccalino d´Oro á mellor dirección este ano en Locarno- presenta a Anxo (interpretado por Misha Bies Golas) na postguerra española no seu retorno á súa aldea en Galicia. Varios personaxes máis el van amosando o grado de terror, anguria, pobreza e falta de liberdade dunha sociedade decapitada que non ve como outra alternativa sumarse á orde dominante para sobrevivir. Aqueles, que se negan, sobreviven como poden entre neboeiros e folerpas de dor por todo o perdido.

Nunha entrevista a FARO, Eloy Enciso explicaba que "a miña idea non era facer un filme con rigor rigor historicista. Nob quería unha película falando do que pasou senón do como, de como funciona unha sociedade de corte totalitario. Analizando ese como vemos semellanzas co presente. Un sistema totalitario non só é unha foto dun señor con bigote senón unha ideoloxía que se vai filtrando da cima para baixo e de xeito horizontal entre os propios cidadáns. As conversas dos seus personaxes intentan analizar iso, os mescanismos do medo, do control".

O retrato dese tempo, conectado con actual, realízase tamén a través de textos de Max Aub, Seoane, Alfonso Sastre ou cartas de presos.

"Longa Noite" é un dos filmes galegos do Novo Cinema Galego que este ano, considerado o mellor da historia do cinema galego, máis premios está a recoller mesmo alén das nosas fronteiras xunto a "O que arde" de Óliver Laxe ou "Arima" de Jaione Camborda, entre outros.