24 de mayo de 2019
24.05.2019

O filme en galego 'O que arde' lévase un galardón do Festival de Cannes

Con este traballo, o galego escoitouse por primeira vez na cita cinematográfica

24.05.2019 | 21:56
El director Oliver Laxe, en Cannes. // Agencias
A película 'O que arde' do director Oliver Laxe (París, 1982) recibiu o premio do xurado no Festival de Cannes, no que concursaba na sección 'Un certain regard'. 
 
Segundo o palmarés que se deu a coñecer este venres, Laxe recibiu este galardón, mentres que o premio especial do xurado recaeu sobre o catalán Albert Serra coa súa obra 'Liberté'
 
'O que arde', coa que o galego se escoitou por primeira vez en Cannes, estreouse o pasado martes no festival e é a terceira longametraxe do director galego. 
 
A de Oliver Laxe nunha traxectoria de éxito nesta cita, xa que as súas dúas anteriores películas xa foron galardoadas no festival francés. 
 
Coa súa ópera prima, 'Todos vós sodes capitáns' (2010), levou o Premio Fipresci da Quincena de Realizadores de Cannes. Así mesmo, co seu segundo filme, 'Mimosas' (2016), conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica.

'O que arde'

O seu terceiro filme está rodado nos montes dos Ancares e nel Laxe reflexiona sobre a problemática dos incendios forestais que vive Galicia, a piromanía e as relacións veciñais. A película conta como Amador Coro sae de prisión após ser condenado por provocar un incendio. Regresa ao seu pobo, illado nas montañas, no máis profundo da Galicia rural, onde vive coa súa anciá nai, Benedicta, e tres vacas. As súas vidas transcorren lentamente, ao ritmo apracible da natureza até o día en que o lume aparece para devastar a zona. 
 
Laxe competía na sección 'Un certain regard', que conta con 18 películas, xunto a directores como Albert Serra (que presentaba 'Liberté'), Bruno Dumont ('Jeanne') ou Christophe Honoré ('Chambre 212'). 
 
Con guión do propio Laxe con Santiago Fillol, a fotografía corre a cargo de Mauro Herce. A película está protagonizada por actores amateur como Amador Arias e Benedicta Sánchez
 
  É unha coprodución de España, Francia e Luxemburgo, na que participa a galega Miramemira. Conta co apoio de Agadic, TVG e Deputación de Lugo, entre outras. 
Compartir en Twitter
Compartir en Facebook