A nova xeración de A Roda (abaixo) reproduce a portada do primeiro LP no disco "Corenta anos máis".

Hai menos bigotes, máis barbas e -con perdón- estas son máis 'hipster'. Seguen presentes os pantalóns vaqueiros e os chourizos pendurados, sinal de identidade da taberna.

Corenta anos despois da publicación do primeiro disco de A Roda (1977) que sería Premio da Crítica Galega e logo se transformaría nun superventas hiperenxebre, unha segunda xeración de A Roda volta ao mesmo lugar para facer un single de conmemoración, catro décadas despois. Aí está, nunha réplica da carátula, o novo grupo que dirixe o fillo de "Fito", Alfredo Dourado, xunto con outros cinco músicos. Reeditan o carácter festeiro e dionisíaco daquel álbum. "Temos dous temas novos, inéditos, que están relacionados coa historia de A Roda", avanza Dourado. E raiando na brincadeira, propón o xogo das sete diferenzas entre as dúas portadas. Antes e despois.

Os irmáns Luís e Suso Vaamonde e Luís e Adolfo Domínguez, José Luís Abalde, Ricardo, Pituco Abalde, Manuel Piña e Keno Cabrera formaron parte daquel grupo orixinal de A Roda, insignia da canción popular e tabernaria. Aquela foto do primeiro LP no que figuran temas tan coñecidos como "Pousa, pousa", "O andar miudiño" e "O gato" foi tomada o ano 1977 na Taberna O Muíño, de Caldas de Reis. Chegou a ser un superventas en Pontevedra. Os integrantes daquel grupo de amigos facían soar as súas voces acompañadas por unha guitarra e as conchas dunhas vieiras.

Agora, Alfredo Dourado, o seu fillo, colleu a testemuña -noutra volta de roda- e toca o baixo; Manuel Dopico faino coa guitarra e Xan Barcón, coa gaita. David Cabaleiro encárgase dos teclados, Álex Nores da guitarra e Cristian García, da batería. O grupo, xa con músicos profesionais prevé actuar este verán por Galicia en concertos e festivais, segundo avanzan a FARO. "O novo grupo ten pouco que ver co anterior; quedan as voces maila ter moito de instrumental, e a enxebreza, pero hai ata guitarras eléctricas", asegura Dourado. Tamén hai gaita. Os integrantes viven en Moaña, Redondela, Vigo ou A Illa de Arousa e ven o novo disco como "unha carta de presentación". A imaxe replicada é a carátula do seu LP, titulado "Corenta anos máis". Fronte a actualidade, queda a historia do grupo galego máis emblemático da música de taberna, peza clave musical durante a transición e a normalización do idioma galego no folclore.

A Roda dignificou a letra popular a finais dos setenta; puxo voz ao celtismo con "Andar miudiño"e cánticos que fixeron vibrar o estadio de Balaídos en cada ascenso a Primeira División. A morte de Fito, que fora caldereiro de Teis e tamén represaliado nas primeiras e duras folgas do naval -foi coetáneo de Moncho Reboiras- marcou a fin dunha época.

"A Roda segue viva porque forma parte do imaxinario colectivo e ten letras que se converteron en himnos. Tamén porque sempre tivo marcado ese carácter de festa. De feito, saímos na película da Esmorga", xustifica Dourado, "seguen a falarnos de Fito cando tocamos, segue a ser o eixe da Roda".

"Como punto de inflexión nesta andaina, podemos dicir que A Roda ampliou o seu horizonte de posibilidades, tanto no eido instrumental, como compositivo, ó conceder espazo a propia creatividade, composicións autógrafas, melodías exclusivamente instrumentais, musicacións de poemas...", argumenta Dourado. "Deste xeito chegamos a dar outra volta A Roda, ou outra volta de roda, circunvolución, daquel berce, celme, xene ou xerme tabernario ata este novo "Pousa Pousa" sideral, estelar, no espazo, un punto, o pouso que deixa o viño na cunca cova cóncava, o pouso pouso".