A Semana das Letras do IEM ofrece recitais e charlas en Gondomar

Manuel López Rodríguez, Xina Vega, Elba Pedrosa e Teatro do Ar, protagonistas

R.V.

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) organiza unha Semana das Letras Galegas na aula de cultura Ponte de Rosas de Gondomar que dará comezo o vindeiro luns, 13 de maio, ás 20.00 cun recital do poeta noiés Manuel López Rodríguez, unha das figuras máis destacadas da lírica galega, con 13 libros publicados nos últimos catro anos e ducia e media de premios. O autor nigranés Fran Fernández Davila será o encargado de darlle a réplica con textos dos seus tres poemarios.

O martes 14 ás 20.00 será a quenda da escritora e tradutora Xina Vega, que ofrecerá unha conferencia titulada “E eu mesma me vin mirar-me a min que me miraba. Luisa Villalta ou a extrema autoconciencia”, sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras.

A xornalista, escritora e actriz miñorá Elba Pedrosa presentará o seu último poemario “DES A MAR ultrasónico” o mércores á mesma hora, acompañada de Fran Fernández Davila en representación do grupo de Promoción do Uso do Galego (PUGA) do IEM.

O grupo nigranés Teatro do Ar fará unha lectura conxunta de “O amor das pedras”, obra do seu director, Pedro Rodríguez Villar, escritor, xornalisa e dramaturgo, pola que gañou o premio Nortear 2022.