A Fedora, de nave industrial a conserveira cultural

Unha nova asociación cultural redondelá recupera na Portela o emblemático espazo abandonado para darlle un uso comunitario

De esquerda a dereita, 
Roberto Casal, Isaac Millán,
Noel Fandiño e Nicolás
Edreira.   | // ALBA VILLAR

De esquerda a dereita, Roberto Casal, Isaac Millán, Noel Fandiño e Nicolás Edreira. | // ALBA VILLAR / Carolina Sertal

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Foi empregada durante anos como punto de almacenaxe de varios tanques de aceite posto que, no seu interior, tamén se levaba a cabo o procesado da graxa do peixe para utilizala como combustible. Aquela actividade vencellada á industria conserveira da vila provocaba que gran parte da veciñanza de Redondela tivese que convivir con aqueles cheiros desagradables que impreganaban o ambiente nas proximidades da Portela e no propio barrio. É por isto que, nunha vila na que os alcumes son a seña de identidade dun pobo, aquela nave industrial e mesmo parte da zona pasou a ser denominada entre veciños e veciñas de Redondela como “A Fedora”.

Co obxectivo de non mudar a memoria histórica e o imaxinario colectivo, é precisamente con este nome co que vén de xurdir unha nova asociación cultural na vila que recuperará na Portela aquela nave asociada a malos olores e que leva décadas abandonada. Trátase de “A Fedora, conserveira cultural”, unha entidade impulsada por catro veciños vencellados ás artes escénicas e ao eido musical que teñen como principal finalidade darlle unha nova vida á infraestrutura a través da súa restauración e dun uso comunitario, creando un espazo que permita ofrecer á veciñanza a oportunidade de ter acceso a propostas culturais alternativas, tanto do municipio de Redondela como da súa contorna.

Os integrantes da nova asociación cultural redondelá no interior da nave remodelada.

Os integrantes da nova asociación cultural redondelá no interior da nave remodelada. / Alba Villar

Roberto Casal é un dos promotores desta innovadora proposta e explica que “a iniciativa xorde pola necesidade que detectamos de dispoñer dun espazo para desenvolver os nosos proxectos. As nosas necesidades son as mesmas das persoas que desenvolven o seu traballo no ámbito cultural, que a miúdo son as de atopar un espazo no que poder ensaiar, levar a cabo residencias técnicas, gardar materiais, impulsar os propios proxectos... e sempre tes que estar dependendo de administracións ou pedir favores e intercambios de espazos”.

Neste senso, a nova “Fedora” contará cun espazo reservado para as propias necesidades técnicas desta recén nada asociación cultural, integrada polo mesmo Roberto Casal, Nicolás Edreira, Isaac Millán e Noel Fandiño, e á súa vez abriranse as portas á xente da vila de Redondela e da contorna vencellada ao eido cultural. Así, a nave remodelada dará cabida a aquelas persoas ou compañías que presenten os seus proxectos e que previamente serán valorados pola entidade, indicando Roberto Casal que, “desta forma, as persoas socias poderán empregar o espazo para ensaiar, impartir formacións, charlas, levar a cabo funcións teatrais, concertos, presentacións culturais ou todos aqueles proxectos que a xente socia teña entre mans. A nosa idea é poder ofrecer á veciñanza de Redondela e da súa contorna a oportunidade de ver propostas alternativas, sempre cun compoñente cultural ou social, e que se saen da programación cultural que adoita ofrecer o Concello”.

A nosa idea é poder ofrecer á veciñanza de Redondela e da súa contorna a oportunidade de ver propostas alternativas

Se ben teñen como tarefa pendente investigar sobre a historia desta emblemática nave industrial do barrio da Portela, Casal comenta que se algo tiñan claro dende o principio é que manterían o nome polo cal é coñecida entre o pobo redondelán: “Quixemos conservar o nome orixinal porque é moi xenuino e pensamos que cambialo sería unha equivocación. Cremos que conservar o nome que se lle deu historicamente fala ao noso favor e, posto que antigamente estaba vencellado á industria conserveira, ademais de denominalo A Fedora, tamén lle engadimos o de conserveira cultural, para manter esa esencia. Persoalmente, gústame moito levar a cabo traballos de investigación e recuperar a memoria, neste caso concreto, na nave había unha actividade relacionada co mar e gustaríame coñecer algo máis da súa historia”, sinala.

“A Fedora, conserveira cultural” iniciará a súa andaina neste mes de marzo e, co obxectivo de presentar a iniciativa entre as veciñas e veciños de Redondela, ao longo de mañá terá lugar unha xornada de portas abertas que contará cunha serie de actividades lúdicas para amenizar o evento. O novo espazo artístico da vila abrirá ás 12.00 horas para levar a cabo unha sesión vermú con Alfonso Blanco “Gharabillo” e a cantautora Sofía Espiñeira. A partir das 14.30 horas terá lugar un xantar e o evento terá continuidade pola tarde, a partir das 17.00 horas, cunha función de cabaré de circo e coa actuación de Jay & The Smoking Machines. Os membros da asociación tamén ofrecerán información aos asistentes sobre como formar parte deste proxecto que dará unha segunda vida a un lugar tan emblemático de Redondela.

Suscríbete para seguir leyendo