Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Represas, un veciño orgulloso da súa vila

Represas, durante el Corpus en 2018. Ricardo Grobas

Coñecín a Xosé Represas coma un veciño, un gran veciño por certo... Un veciño que sabía moito de case todo. Coñecía ben as leis, os nosos dereitos,... Presidiu por primeira vez a súa comunidade de veciños no edificio onde residía a súa familia e a miña. Negociador incansable nas causas nas que cría, pero tamén pragmático e resolutivo como poucos. En todos eses anos, dezaoito en concreto, que compartimos comunidade, fomos tamén amigos e tivemos dende o primeiro día afinidade política e moitas gañas de devolverlle a Ponteareas a súa identidade e dignidade. Mentres eu pensaba que a unha persoa de fóra coma min lle ía estar vetado o acceso á institución municipal, Xosé Represas, que non pensaba o mesmo, foise convertendo en referente do BNG e tendo un papel cada vez máis protagonista. Nunca coñecín a unha persoa máis orgullosa da súa vila e das súas parroquias, que defendera con tanta firmeza baixo calquera asociación ou institución os dereitos das súas veciñas e veciños, os dereitos de todas, non dunhas poucas persoas. Ser alcalde en 2015 deulle a Pepe o espazo que merecía e tiña gañado dende hai tantos e tantos anos. Podo dicir, sen medo a equivocarme, que foi o único Alcalde que tivo Ponteareas que defendeu os intereses xerais por riba de calquera circunstancia. Mesmo parecía, e en todos estes anos demostrouse, que o cargo fora feito para el, coma se de un traxe se tratara. Persoa xenerosa como poucas, compartiu o seu coñecemento coas persoas que formabamos parte do seu círculo político e de amizade. Traballando man a man pasamos por situacións complexas das que, con habilidade, saimos airosas. Hoxe, cómeme por dentro unha gran dor e baleiro, unhas gañas tremendas de gritar ao vento a inxustiza da vida... Pero é asi. Estamos de paso, somos efémeras, como as nosas alfombras florais. Aínda así, non renunciaría a un só minuto dos que compartimos. Quedan na miña memoria tantos e tan bos momentos nos que rimos, falamos, formulamos estratexias e avanzamos. E con cada paso á fronte, máis segura me sentía de que eramos afortunadas de contar contigo ao temón da Corporación, pero sobre todo nas nosas vidas... Até sempre, Pepe!!!

Compartir el artículo

stats