A Asociación de Empresarios de Redondela vén de iniciar unha campaña, apoiada polo Servizo de Normalización Lingüística do Concelo, para a dinamización lingüística do sector da hostalaría. No acto de presentación participaron onte a alcaldesa Digna Rivas, e polo colectivo Cruz Bastos, da sección Turismo, e Gustavo Rivas, de Hostalaría.

A campaña trata de fomentar a incorporación da lingua galega neste sector e dinamizar o galego entre os clientes, sexan locais ou turistas. Con tal motivo, repartiránse en todos os establecementos de restauración que o soliciten manteis de papel dun só uso, un material básico nos protocolos por mor da Covid-19.

Hai dous modelos: un contén as imaxes cos nomes en galego dos utensilios usados á hora de comer, e o outro modelo amosa nomes de peixes en galego. Os manteis foron realizados polas empresas Maber de Chapela e Galpel de Cabeiro, cunha tiraxe de 50.000 exemplares.