O Celta quíxose sumar á celebración do Día das Letras Galegas coa posta a venda de dúas camisetas especiais, creadas en colaboración coa marca Rei Zentolo. Nunha delas aparece a definición de afouteza, o concepto que os seareiros celtistas fixeron seu coma mellor síntese do espírito do equipo. A outra prenda, baixo o título de 'Fútbol en galego', recolle unha serie de palabras e frases da xerga balompédica.

Impresas no peito aparecen verbas que, en boa parte dos casos, axudaron a difundir entre os afeccionados nos anos 80 e 90 os xornalistas da TVG, que daquela retransmitían un partido de Primeira División á semana. Recóllense palabras como canear, asubío, testarazo ou furar —bótase en falta algún clásico coma padiola—.

Tamén hai algunhas frases coma saque de curruncho, bico da área ou pase de calcaño. E unha máis, moi habitual naquelas narracións televisivas, que xerou un forte e subido de ton rebumbio entre os internautas da lusofonía: lamber o pau.

A publicación da conta do Celta na que promociona as camisolas encheuse de comentarios e brincadeiras de brasileños e portugueses, e é que esa expresión ten para eles un significado figurado que nada ten a ver co fútbol. Non é que sexa a metáfora máis sofisticada, pero si, lamber o pau utilízase como sinónimo de felación. Ante a avalancha de comentarios, o community manager do clube reaccionou con retranca: "Top de vendas no Brasil? #LostInTranslation".