Hai unhas semanas, miña nai sufriu de madrugada un ictus. Cando a atopamos ás sete e media da mañá, estaba sen fala e co lado dereito completamente paralizado. Chamamos inmediatamente ao 061. Despois de falar cunha médica que nos fixo unhas preguntas sinxelas, supoño que para orientar o diagnóstico, a ambulancia tardou menos de quince minutos en chegar ao noso domicilio. Dende a propia ambulancia os técnicos falaron coa unidade de ictus do Hospital Álvaro Cunqueiro e cando chegamos xa tiñan preparadas as probas exploratorias. Ás nove miña nai estaba en quirófano e ás dez en recuperación. Unha semana despois, xa estaba en casa sen secuelas aparentes.

Hoxe unha paciente recuperou a saúde e afronta cada día en condicións óptimas, unha familia librouse dun sufrimento indicible e, por que non dicilo, a familia e a Administración aforraron mil problemas de todo tipo e moitos cartos. E todo grazas a unha inmensa sorte e, sobre todo, a un servizo de urxencias eficaz e a profesionais que en condicións non sempre fáciles organizaron unha unidade de ictus, foron quen de coordinarse co resto dos servizos e seccións do sistema público e realizaron o seu traballo con rapidez, profesionalidade e excelencia.

Convén que se saiba en mans de quen estamos. Convén que se saiba por que temos que apoialos. Grazas a todas, grazas a todos.