Fai pouco saíu un artigo que versaba sobre abandono que están a pasar as nosas aldeas galegas. Fálase ultimamente bastante da España Vacía. É un bonito título. Espero que non se quede só neso, para darlle xogo ós medios, e pouco máis...

Cada verán que pasa vaise queimando o monte sen parar, ata ten ardido as casas e morto xente. Despois, veña subvencións e repoboación forestal?! O problema é gordo, e as administracións non se moven. Refírome en especial ós "políticos das alturas", como lle chamo eu, porque non pon os pés na terra para saber como coidala de verdade. Si, ás veces baixan a ela, pero é para sacar a foto, me parece...

Falaba de repoboación. O que hai que repoboar son as aldeas, pero con persoas para que cuiden o monte e as terras. Antes non ardía o monte porque había xente no rural e o limpaba. Aproveitaba a súa masa para quentarse, facer as casas, os mobles e sacaban dela o esterco para as leiras.

Que quede claro que non quero ser nostálxico, pois non vai ser todo como antes, nin moito menos. Non vamos a ter as vacas nas cortes pisando os toxos e as carqueixas para facer o esterco, nin tirando dos carros; tampouco ter as galiñas soltas polas airas, coméndolle as berzas á veciña, e máis?

Algúns concellos (aquí no Rosal) están a entregar aparellos para facer o composto cos residuos que producimos, boa cousa. Por certo, vénseme agora á cabeza como se facía cando se rozaba o monte e non cabía o estrume nas cortes. Amontoábase na cima das leiras e tamén as veces se lle botaba cal viva para que cocera máis pronto. Era xa unha sabia maneira de facer composto.

Con todo esto, pensemos no diñeiro que se gasta en previr e apagar os incendios, vaia millonada! Se ese diñeiro se invertise en bos plans para que a xuventude volvera ou non se marchase das aldeas, que pasaría?

Sendo así, limparíase e aproveitaríase o monte, non habería incendios; e as nosas fértiles veigas e vales darían unha chea dos mellores froitos. E, por suposto, cantarían os galos. Os urbanitas(desculpen a palabriña)que queiran vivir no rural que non fagan calar ós galos. "O canto do galo é o maior eloxio á rosada aurora". Alguén o dixo, feliz expresión!