Somos pais e traballadores, por iso vémonos na obriga de mandar, moi ó noso pesar, a nosa filla de 9 anos ó comedor escolar. E digo "moi ó noso pesar" porque cada vez somos máis conscientes da hipocresía deste Goberno. Hai uns meses un número importante de pais manifestamos o noso descontento có catering que da de comer diariamente ós nosos fillos, sen obter resposta de ningún tipo.

Nós entendemos que vostedes teñan que velar polos seus intereres económicos, pero nós temos que velar polos nosos e, en consecuencia, que a nosa economía sexa ben invertida, cousa que non estamos sentindo dende que Alimentación Saludable Gallega gañou o concurso para facerse cargo da comida dos nosos fillos no CEIP Ramiro Sabell Mosquera.

Entendemos que o menú debe ser rico en verduras, pero isto non está reñido con que sexa equilibrado e variado. Os días en que hai crema de verduras de primeiro prato, non cremos que sexa indispensable engadir verduras de acompañamento no segundo (ex: crema de verduras e canelóns de atún con verduras ou verduras con xamón e estufado de pavo con verduras). Isto o que potencia é que os rapaces lle collan adversión a este tipo de menú saudable. Os días en que hai verduras, xudías ou guisantes con xamón, os rapaces aseguran que o xamón é inexistente. Os días de brécol ou coliflor con allada, sérvese en bruto, sen nengún acompañamento máis (ex: pataca cocida, ovo?), non creo que vostedes o coman así nas súas casas. A ensalada morna, non hai rapaz que a coma. Só un día á semana hai iogur de postre (e sempre do mesmo sabor, que nin de sabor é, xa que é natural) o resto dos días, froita. Pola contra, nas suxerencias de cea, propóñennos que lle demos catro (lóxicamente é máis barato o custe de catro laranxas que de catro iogures). Parécenos curioso ademáis, que nestas suxerencias de cea, recoméndennos darlle ós rapaces pratos tan "lixeiros" como un filete de tenreira ou costeleta, o máis recomendable para irse deitar (claro, os rapaces chegada a noite con tanta verdura no corpo estarán mortos de fame). E digo eu, ¿por que non lle da o catering estes alimentos para afrontar mellor unha tarde de estudos e/ou actividades? Seguro que non ten nada que ver con que un brécol é máis barato que un filete?

O que tamén resulta incoherente cós hábitos de alimentación sá e saudable que promoven e incluír na suxerencia de almorzo do menú "bolería", moi recomendable para os rapaces, dende logo.

Dende aquí, pídolles que reflexionen e que lle dean unha volta a todo isto porque dende logo non estou disposta a pagar 4,5 euros ó día para que a miña filla coma un anaco de brécol e arroz férvido con atún en conserva, sendo consentidora dunha alimentación pobre e incompleta.