Javier Núñez demostrou ser un redondelán máis dende que chegou de Ourense ao colexio de Cabeiro no ano 1978. Alí empezou de profesor e pasou ao de Reboreda, onde agora se xubila de director. Implicouse no noso pobo dende o primeiro momento, axudando a que o colexio de Reboreda fose un adiantado en novos movementos de amizade, convivencia e deporte. Por exemplo na relación co alumnado, facendo os primeiros murais, creando un equipo de fútbol de profesores, a cercanía coas Anpa, conferencias, etc. Sempre co debido respecto.

E no pobo, sendo concelleiro unhas veces de Deporte e outras de Cultura, axudou a que Redondela se mantivese como unha referencia na comunidade galega tanto a nivel de idioma como lúdico. Participou no deporte sendo porteiro do Clube Deportivo Choco, xogando ao fútbol sala nos torneos emblemáticos que temos na nosa vila (Xunqueira e Pavillón), e adestrando o Grupo Casa Paco 81 sempre en compañía do seu amigo e compadre Pereda, tamén mestre. Ademais celebrou as ceas da Noite de Reis, tradicionais no pobo, foi membro directivo da Festa do Choco (pola súa condición de concelleiro) e participou con intensidade (lévao nos xenes) no Entroido coa comparsa do Tío Emilio.

Por iso escríbolle esta carta para desexarlle, como moitos outros redondeláns, feliz xubilación e darlle as grazas polo que fixo sempre polo noso pobo.