Cultura

Títeres de todo o mundo danse cita en Redondela

Celébrase ata mañá o 25 Festival Internacional de Títeres con 73 actividades a cargo de 28 compañías

‘Aquiles’ de La Fam Teatre, un títere xigante de 5 metros de altura, que percorrerá a rúa principal da vila hoxe e mañá.   | // FDV

‘Aquiles’ de La Fam Teatre, un títere xigante de 5 metros de altura, que percorrerá a rúa principal da vila hoxe e mañá. | // FDV / d. p.

d. p.

A 25º edición Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) está a encher vila dos viadutos do mellor teatro e música do panorama internacional, despregando un total de 73 actividades da man de 28 compañías da máis variada procedencia. Logo dunta intensa semana con programación de sala e as funcións escolares, dende onte venres e ata maña domingo chega a programación de rúa.

Compañías como as galegas Xirapaus, Títeres Alakrán, Mircromina, Trécola, Viravolta, Paporrubio, e Tanxarina escenificarán os seus espectáculos nas prazas e rúas da vila, ademais de propostas de Mutis Teatro, de Castela-León; El Espejo Negro, de Andalucía; Rui Sousa, de Portugal ou os mexicanos de Grupo Saltimbanqui.

Ademais dos escenarios habituais, nesta edición cóntase co teatro portátil dos franceses de Théâtre Jaleo ao lado do palco da música, onde interpretarán ‘Edén’. Tamén os galegos de Teatro Ó Cubo, en coprodución co Centro Dramático Galego, escenificarán na Praza do Concello ‘De Vilatriste a Vilalegre’.

Un xigante de 5 metros

Os itinerantes estarán protagonizados polo ‘Aquiles’ dos valencianos de La Fam Teatre, un títere xigante de 5 metros de altura que percorrerá a rúa principal da vila hoxe sábado ás 21.00 horas e maña domingo ás 20.00 horas. Canda eles, os cántabros de MG Producciones traerán os seus ‘Granujas a todo ritmo’, acompañados por dous xigantes chamados Jack e Ellwood, que animarán a bailar ao público hoxe ás 18.00 e ás 20.00 horas e mañá ás 13.30, 17.00 e 19.00 horas. E Troula percorrerá as rúas Afonso XII-Ribeira maña ás 18.00 horas co ‘Estraño caso do dentista da rúa Brasov’.

a programación de sala destaca a presenza nesta edición do arxentino Sergio Mercurio con ‘Viejos’, cuxas funcions, a de onte venres e a de maña domingo ás 19.00 horas, serán a únicas representadas na Península Ibérica dentro da súa xira internacional. Ademais, hoxe, ás 20.00 horas poderase ver ‘Blancanieves’ de La Chana Teatro, gañadora do Premio Max 2023 ao Mellor Espectáculo para Público Infantil.

Música

En canto á música, ábrese un novo espazo, o ‘Xan Carallás’, -na Alameda, fronte a estatua do fundador de Redondela- que este ano homenaxea aos homes-orquestra, coas actuacións de Pulpiño Viascón maña, co espectáculo ‘Trikimachín’ e Ce orquestra pantasma, con ‘A Voar’ hoxe.

The Turre’s Band, Kedirán e CantaTorrella porán tamén as notas musicais a esta edición do Festival.