Rural

O GDR Terra e Auga impulsa cursos de apicultura e panadería

Celebraranse en xuño e a inscrición está aberta

O curso de apicultura impartirase en catro tardes. | // FDV

O curso de apicultura impartirase en catro tardes. | // FDV / D. P.

D. P.

En liña coa súa estratexia de desenvolvemento local e participativa, o Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga, que engloba aos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, pon en marcha un programa formativo con catro cursos e un total de 78 horas de duración para fomentar o emprendemento verde. Estes son iniciación á apicultura, panadería artesá, iniciación ás comunidades enerxéticas e técnicas de extracción de resinas.

Os vindeiros 4, 6, 11 e 13 de xuño celebrarase o curso de iniciación á apicultura. Serán catro xornadas de cinco horas de duración en horario de tarde para un total de 15 persoas no centro social de As Neves. Este curso básico está orientado a persoas con interese no sector que acaben de iniciar a súa actividade ou xa a teñan en marcha.

Para os días 17 e 18 do mesmo mes prográmase o curso de panadería artesá con trigos autóctonos galegos. Oito horas que se impartirán nas instalacións da EFA A Cancela de As Neves, nas que afondarán no coñecemento dos trigos antigos e traballarase con masas nais e prefermentos. O alumnado será partícipe durante o curso dun proceso completo para elaborar diversos pans como os de fariña de callobre e caaveiro, entre outras.

Comunidades enerxéticas

En datas posteriores terán lugar os outros dous cursos, ambos impartidos en horario de tarde. O de iniciación ás comunidades enerxéticas, de vinte horas de duración, promoverá o fomento do emprego verde e a formación de persoas futuras xestoras de comunidades enerxéticas. Ao mesmo tempo servirá para que entidades asociadas ao GDR Terra e Auga reciban formación e poidan valorar a conveniencia ou non de promover as comunidades enerxéticas no seu entorno próximo.

Extracción de resina

Tendo en conta que unha grande parte da superficie do territorio do GDR Terra e Auga é forestal, a través do curso de técnicas de extracción de resina, que conta con trinta hora de duración, preténdese ofrecer unha nova oportunidade produtiva para o territorio.

Os cursos teñen unha parte práctica e outra teórica e contan co apoio do Programa Leader Galicia a través da submedida 19.2 Formación. As persoas que desexen inscribirse deberán contactar no número de teléfono do GDR 886 90 93 13 ou a través do correo electrónico enviando un email a gdr@gdrterraeauga.gal indicando os seus datos de contacto e o nome do curso que lles interesa.