Aparentar ser o que non es a través da ópera

Os integrantes da compañía Os Barraleiros nunha sesión de ensaio esta semana no instituto.   | // D. P.

Os integrantes da compañía Os Barraleiros nunha sesión de ensaio esta semana no instituto. | // D. P. / d. p.

d. p.

A compañía Os Barraleiros formada por alumnado de 2º da ESO do IES do Barral de Ponteareas está de estrea. Ao longo de todo este curso está a traballar no proxecto LÓVA, un programa educativo interdisciplinar, impulsado polo Teatro Real, que trata de motivar aos estudantes desde o “desenvolvemento emocional, social e cognitivo” para que poidan dar ás a súa imaxinación e descubran tódalas súas capacidades.

LÓVA (La Ópera, un Vehículo de Aprendizaje) consiste en que unha clase se converta nunha compañía que dedica un curso enteiro a crear y estrear a súa propia ópera.

Ao longo destes meses traballaron arreo para deseñar e facer unha peza de ópera, a cal se presentará de xeito público o vindeiro 30 de maio no auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas.

“Durante o proceso aprendemos a convivir e traballar en equipo, organizarnos, tomar decisións de xeito colectivo e coñecernos mellor. LÓVA non é só unha ópera, senón un xeito de facer voar a nosa imaxinación”, indican os propios estudantes.

Traballan divididos por profesións, cadaquén ten as súas tarefas que facer para que a compañía progrese. Estas son produción, rexedoría, comunicación, interpretación, iluminación, composición, caracterización, vestiario e escenografía.

Ata agora estiveron realizando retos colectivos para coñecerse mellor, elixindo o tema da ópera e a estrutura da historia, así como as características e personalidade dos personaxes, “o que non foi unha tarefa doada”. Tamén tiveron charlas con profesionais do mundo da ópera que os axudaron a elixir as profesións.

O tema que centrará a ópera é «Aparentar ser o que non es». Escolleron este porque cren que “na sociedade de hoxe en día hai persoas que non se mostran como son de verdade por medo a non ser aceptadas e a ser xulgadas”.

Feira en Madrid

O pasado mes de marzo, Os Barraleiros viaxaron a Madrid para participar na II Feria de Compañías LÓVA, que se celebrou no Real Teatro de Retiro. Foron un total de 35 compañías LÓVA as que acudiron ao evento, e os pontareáns eran os únicos galegos. Ademais de dispoñer do seu propio stand intercambiaron experiencias e ideas coas demais compañías e realizaron obradoiros de caracterización, escenografía e de teatro.

E uns días antes, celebraron unha reunión na que presentaron LÓVA ás súas familias e o concelleiro de Educación de Ponteareas, pois o proxecto conta co apoio do Concello de Ponteareas, ademais do propio instituto IES do Barral, do Teatro Real de Madrid e da Xunta de Galicia.