Sendeirismo

A Vía Mariana, ruta das camiñantes expertas

A esixencia do percorrido atrae a camiñantes que buscan novos retos lonxe da masificación

Dous peregrinos, xunto a un indicador da Vía Mariana.   | // A. GUTIÉRREZ

Dous peregrinos, xunto a un indicador da Vía Mariana. | // A. GUTIÉRREZ / D.P.

D.P.

As vacacións de Semana Santa deixaron un saldo positivo de peregrinas e peregrinos que elixiron a Vía Mariana Luso-Galaica para entrar en contacto directo coa natureza facendo o que máis lles gusta, camiñar.

A Vía Mariana consolídase na axenda das e dos camiñantes máis expertos que, atraídas pola riqueza natural e histórica do percorrido e pola pureza do aire e dos sons se lanzan a superar este reto. Ao longo de dazaoito etapas que parten dende o Santuário de Nossa Senhora do Sameiro en Braga e rematan en Muxía, A Coruña, as e os camiñantes teñen o privilexio de atopar lugares únicos afastados do ruído e da masificación aos que só se accede a pé.

Exemplo deste perfil de camiñante profesional son María Pilar Ybarra, “Mapi”, e Marían Martín, que ao seu paso polo Concello de Covelo descubriron paisaxes que pasan a ser das mellores que se cruzaron nas súas vidas. A VMLG 07 Parada de Achas-Covelo e a VMLG 08 Covelo-Estacas atesouran recunchos de espectacular beleza, así o relatan estas dúas camiñantes que tamén coinciden en destacar que son percorridos para expertos que saiban desenvolverse ben e ter estratexia para asumir cada tramo. Camiñantes expertas que levan máis de 15 anos camiñando con milleiros de quilómetros en toda España, Portugal e resto de Europa ás súas costas.

“A Vía Mariana é unha marabilla porque a natureza e a espiritualidade abrázanse. Para min é un camiño moi espiritual. É esixente e dura pero iso fai que non estea masificada e permite un contacto más estreito coa xente das aldeas que nos recibe e nos ofrece a súa axuda, para a conversar e interésase por nós”, relata Mapi Ybarra, de Madrid. Esta psicóloga e profesora da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) confesa que camiñar é un encontro co interior de cada un, unha procura de quietude que se pode practicar a calquera idade elexindo ben a ruta que se adapte as condicións de cada un.

Na mesma liña de sensacións, Marián, natural de Teruel, comparte nas súas redes sociais “Marian YoSoy Peregrina”, as experiencias vividas ao longo dos quilómetros e fermosas estampas que simbolizan a beleza do percorrido. Ela tamén prefire afastarse das vías masificadas para poder vivir unha experiencia máis íntima na que fusionarse co medio natural. “Sentir que pertences a algo tan espectacular como a riqueza natural é un privilexio que só se pode conseguir camiñando por vías que respecten a esencia da natureza, as menos comerciais ou transitadas, como a Vía Mariana. Camiñar soa ademais ten moitos beneficios, como espertar os sentidos e conectar cos lugares e as persoas. Camiñar non deixa de ser un xeito de vivir, que te permite no só durmir un día en cada sitio, tamén sentirte parte de cada un deses lugares. A Vía Mariana ten outros tempos, minutos e horas de calidade que te permiten reconciliarte coa vida”.

En palabras destas dúas mulleres expertas en peregrinación a Vía Mariana Luso-Galaica ao seu paso polos dous tramos de Covelo “non só é bonita, é belísima” sinala Marián ao tempo que engade que “de todas as longas distancias que camiñei é das máis bonitas que fixen, a implicación da xente, o apoio dos delegados de zona que sen sabelo están aí”, comentario que comparte Mapi, “son anxos da garda que te axudan a superar as posibles adversidades e suplen algún desaxuste do track”. Precisamente destas últimas figuras, delegadas/os de zona, destacan a súa especial importancia ao ser persoas que coñecen a vía, que xa a camiñaron e saben onde están as dificultades, “son figuras fundamentais que te dan apoio e están pendentes permitíndote á vez camiñar libremente sen sentir que tes que marcar tempos ou cumplir obxectivos”.

Non deixan no tinteiro os aspectos a mellorar como o mantemento dos tramos e a sinalización para evitar momentos de dúbida e acertar coas decisións. Mapi Ybarra e Marián Martín superaron os tramos de Covelo e venceron a climatoloxía adversa con paso firme e reconfortándose no recibimento das persoas que sempre teñen tempo para recibilos como persoas que camiñan e valoran o seu patrimonio natural, histórico e etnográfico e non como turistas de paso, un matiz que marca a diferenza e mellora de xeito extraordinario a experiencia.