Reciclaxe

A Cañiza entrega cincuenta e cinco composteiros domésticos

O obxectivo é promover a reciclaxe de residuos orgánicos

Cristina Cabana durante a charla.   | // D.P.

Cristina Cabana durante a charla. | // D.P. / D.P.

D.P.

O concello da Cañiza entregou 55 composteiros domésticos para a reciclaxe de residuos orgánicos no rural, que permitirán que os e as cañicenses transformen o seu lixo orgánico e abono da mellor calidade para os seus xardíns e hortas, favorecendo a actividade microbiolóxica do chan e evitando a súa degradación, así como aumentando notablemente a fertilidade da terra a custo 0 para os usuarios e usuarias.

Durante a entrega dos composteiros, Cristina Cabana, formadora da empresa ANCARIA, impartiu unha charla sobre que é a compostaxe, na que falou sobre como compostar, que produtos e materiais podemos verter nos composteiros e cales non e, por último, como montalos de xeito eficiente.

Ademais o Concello entregou unha guía de reciclaxe e montaxe para que a veciñanza non perda as pautas que se deron na charla.

Segundo comunicou o Alcalde, “entregamos no Salón de Plenos 55 novos composteiros para a reciclaxe de residuos orgánicos destinados a vivendas unifamiliares. Unha cifra que suma outras 75 unidades entregadas en decembro de 2022 e que ofrecen un censo de 130 en todo o noso rural”.

Estes 130 composteiros e aireadores, súmanse ás distintas campañas de información, e edición de folletos e guías que formaron parte da campaña de compostaxe doméstica #acañizacoidadaesostible.

Luis Piña avanzou que “estamos traballando para adquirir máis unidades, de xeito que entre todos e todas poidamos baixar as cifras de residuos do contedor verde, feito que se traducirá nunha redución das toneladas a reciclar e tamén da factura mensual da recollida de Sogama que a día de hoxe supera os 7.500 euros ao mes por retirar e tratar os residuos da Cañiza”.

Con todo, o Alcalde comentou que “somos un dos Concellos que menos pagan por tonelada a Sogama, xa que cumprimos con todas as condicións para que a Sociedade Galega do Medio Ambiente, encargada de xestionar o noso lixo do contedor verde, nos rebaixe o prezo da tonelada, xa que realizamos campañas de reciclaxe, rebaixamos nos últimos anos a cantidade de residuo a reciclar e ademais xa estamos preparados para a recollida do residuo marrón no casco urbano”.

Nesta liña, Luis Piña tamén recordou que o Concello adquiriu en decembro de 2022 un novo camión de recollida de residuo marrón, un camión non compactador de recollida de biorresiduos que recollerá materia marrón no núcleo urbano e que estará operativo cando abra a nova planta de tratamento biolóxico de SOGAMA en Arbo, onde se trasladarán os residuos para posteriormente tratalos e transformalos en compost ou biogás.

Para depositar esta fracción orgánica o Concello tamén adquiriu 700 unidades de cubos específicos para os domicilios do núcleo urbano que se repartirán nos vindeiros meses.

Este residuo marrón, novidade na nosa área, é tamén coñecido como biorresiduo domiciliario. Trátase da materia orgánica, e nestes contedores marróns poden depositarse os seguintes residuos: restos de comida de orixe animal (carne e peixe, caparazóns e cunchas de marisco, queixo, cascas de ovo) e vexetal (verduras, froitas, sementes, froitos secos e as súas cascas, cereais, restos vexetais) e, non cociñados ou cociñados restos de flores, restos de pan e bollería, papel de cociña, panos de papel, bolsiñas de infusións.

Depositalo é fundamental para a creación de compost que permita abonar e enmendar os solos, mellorando a súa calidade e reducindo substancialmente a cantidade de residuos totais xerados.