Baiona

Nove cámaras vixiarán a Arribada este 2024

Funcionarán día e noite, e as imaxes de video chegarán en tempo real ao Posto de Mando Avanzado

Xunta local de seguridade da Arribada 2024.   | // D.P.

Xunta local de seguridade da Arribada 2024. | // D.P. / d.p.

d.p.

O concello de Baiona acolleu a Xunta local de Seguridade con motivo da XXVIII Festa da Arribada. A reunión foi presidida por Abel Losada, subdelegado do gobierno en Pontevedra, e polo alcalde, Jesús Vázquez Almuíña.

Responsables e mandos da Policía Local de Baiona e Nigrán, da Garda Civil do Posto Principal de Baiona, da Garda Civil de Tráfico e da Comandancia de Pontevedra; e representantes da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) revisaron o plan de seguridade que se porá en marcha para garantir a seguridade dos miles de visitantes que acudirán á festa durante os tres días de celebracións.

Nesta edición 2024, como novidade respecto aos anos anteriores, a Axencia Galega de Emerxencias reforzará a seguridade cunha rede de cámaras de video vixilancia, intensificando a vixilancia para previr os roubos e furtos dos carteiristas, evitar aglomeracións e resolver incidencias. Un total de nove cámaras, tres de cobertura fixa, e 6 de cobertura 360º domo, ambas modalidades con sistema infravermello, que gravarán de xeito permanente tanto de día como de noite, ao longo dos tres días.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez almuíña, sinala que “as cámaras aportan imaxes de puntos estratéxicos da festa en cada momento, proporcionando información en tempo real de todo o que está a acontecer na rúa, e chegarán en tempo real ao Posto de Mando Avanzado, facilitando así a labor do operativo de seguridade xa que se trata dunhas ferramentas moi útiles que permitirán evitar e esclarecer actos delictivos, así como actuar dende a prevención”.

O rexedor enfatiza que “coa instalación deste novo sistema de cámaras de videovixilancia demos un paso máis alá: a seguridade é unha prioridade e un compromiso primordial para que a nosa festa de interese turístico internacional continúe a medrar e a mellorar, sempre da man da protección para que os baioneses e os miles de visitantes que veñen a Baiona durante ese fin de semana disfruten da festa con tranquilidade e seguridade”.

Durante o encontro, concretáronse as accións a seguir polos efectivos da Policía Local, Garda Civil e Axencia Galega de Emerxencias, que participarán do 1 ao 3 de marzo no dispositivo desplegado con motivo da Festa da Arribada para garantir a seguridade en Baiona. Analizáronse e prevíronse distintos escenarios posibles e os mellores modos de abordalos.