Música

Gondomar despide o ano cunha gaita galega led

Será esta tarde ás 20:30 no Auditorio Lois Tobío

Momento dunha actuación de Álvaro Costas.   | // D.P.

Momento dunha actuación de Álvaro Costas. | // D.P. / d.p.

d.p.

Baixo o leitmotiv “deixa que a gaita che conte a historia da túa vida” agóchase o espectáculo MITIC, que se describe como o primeiro show musical encabezado por unha gaita, que é, ademais, a primeira gaita galega led funcional da historia. O instrumento está construído en metacrilato, o que o fai inmune á humidade, e conta cun circuíto arduino integrado e sistema operativo con controlador wifi. O seu gaiteiro, que promete que o seu instrumento respecta con fidelidade o son orixinal da gaita, consegue levar o son deste instrumento a lugares nunca abordados.

MITIC promete rachar co tópico que di que a gaita é o instrumento tradicional por excelencia, converténdoa no eixo dun espectáculo visual e auditivo, onde o noso instrumento rexional se convirte no violín de “Candilejas”, na guitarra de Brian May ou na voz de Frank Sinatra, Freddy Mercury ou Edith Piaf, pasando tamén polos grandes éxitos do cinema dos anos 90.

É por isto que pensan que este espectáculo é o ideal para que os “gaitafóbicos” lle dean unha segunda oportunidade ao instrumento.

O show comezou a xestarse en 2016, cando os irmáns Álvaro e Suso Costas, a pianista Cris Macías e o flautista Iago Lariño, deciden reunir nunha mesma escena a 17 dos mellores artistas do panorama musical, formando unha pequena orquestra para os temas máis sinfónicos, e unha auténtica banda de rock no mesmo concerto, coroados pola gaita galega de Álvaro Costas.

MITIC ten unha duración de dúas horas e é descrito polos seus integrantes como unha viaxe audiovisual que fará que ninguén quede indiferente ante o seu traballo.