Redondela

Charlas, roteiro, lecturas e danza para dicir non á violencia contra a muller

Redondela conmemora o 25 N

l. c.

O Concello de Redondela deu comezo onte cun contacontos e unha representación teatral a súa programación especial con motivo do 25 de novembro. O municipio conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller con diversas actividades para todos os públicos.

Lucía Pereda (Talentea) será a encargada de impartir a charla interactiva “Falemos de sexo” no multiusos da Xunqueira. Primeiro, ao longo da vindeira semana organizaranse diversas sesións dirixidas ao alumnado dos institutos, centrándose así na adolescencia e a pornografía. Xa o día 1 de decembro, ás 19.00 horas, a conferencia será aberta ás familias.

O mércores 22 celebrarase o roteiro “As mulleres da vila”, con saída ás 18.00 horas de Vilavella. As persoas interesadas en participar deben inscribirse na oficina de turismo, chamando ao 986 401 713 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo turismo@redondela.gal

O venres 24 a Praza do Concello acollerá ao mediodía a lectura dos manifestas elaborados por escolares e asociacións, nun acto que estará amenizado polo cuarteto de cordas do conservatorio municipal Víctor Ureña. A continuación, ás 12.30 horas, na rúa Salgueiral terá lugar a entrega floral e lectura de poemas. Xa ás 20.00 horas, no multiusos da Xunqueira, celebrarase a Gala Sesé Mateo

Xa o sábado 25, ás 12.00 horas na Praza do Concello, realizarase o acto institucional coa performance “Sorpresa” de Arantxa Treus e o domingo 26, á mesma hora en Vilavella, espectáculo de danza na rúa.