Música

Seguridad Social, Pistones e Miguel Costas actúan hoxe en Baiona

Celébrase a partir das 20.30 horas o festival ochenteiro La Recta

Miguel Costas actuando no acto de presentación do festival “La Recta”.   | // MARTA G. BREA

Miguel Costas actuando no acto de presentación do festival “La Recta”. | // MARTA G. BREA / l. c.

l. c.

Rememórase hoxe a época dourada da movida en Baiona. Volve o festival La Recta, que celebra a súa terceira edición con Seguridad Social, Pistones e Miguel Costas como cabezas de carteis. Dará comezo ás 20.30 horas na Avenida da Praia Ladeira.

Miguel Costas, ex membro de Sinistro Total, foi a estrela do pop rock dos 80 que puxo ritmo xa ao acto de presentación no que que se desvelaron as actuacións do evento. As persoas que se achegaron ao Paseo Ribeira naquela xornada puideron desfrutar xa dun pequeno aperitivo do que será o festival de hoxe coa actuación de Costas.

“Si te acuerdas de los 80 es que no los vivistes”. Esta frase de Loquillo mide os graos de implicación na década en que España fíxose moderna e deixou o mito da ‘movida’ asociado a un tempo. A ‘movida’ foi principalmente Madrid. Tamén o foi Vigo e Baiona era unha das principais paradas da movida viguesa.

O espazo escollido para celebrar o evento non podería ser outro que a Avenida da Praia Ladeira, enclave ideal para contextualizar os anos 80 baioneses, epicentro da Recta de Baiona.

Cinco horas de música, dende as oito e media do serán e ata as 2 da madrugada, aproximadamente, trasladarán aos oitenta a todas as persoas que se acheguen a desfrutar hoxe da música.

Tralo éxito dos dous primeiros festivais, desde o Concello de Baiona séguese apostando por unha terceira edición na que dar continuidade á implicación de diferentes sectores, como a hostalería e por suposto á veciñanza a través do propio Concello.

Fontes municipais indican que se trata dun festival que naceu con afán de chegar a consolidarse no panorama musical, para iso, é o Concello quen patrocina todo o evento para ofrecelo en formato gratuíto. É unha oportunidade única de reivindicar a historia da movida baionesa. Tamén un recoñecemento a todo o empresariado que apostou por esta zona de Baiona e que co seu traballo e esforzo conseguiron posicionar á localidade en parada obrigatoria do roteiro da famosa movida ochenteira.

A idea de gozar dun festival para Baiona, que se consolide no tempo e que recolla a varias xeracións, música sen data de caducidade que nos traslade a “calquera tempo pasado foi mellor”. Concertos e gastronomía que fagan lembrar aos que a viviron e ensinen aos que non tiveron a oportunidade de facelo. Quérese converter Baiona nun referente da época dourada do pop español.