Festival

Redondela convértese na capital internacional dos títeres

Compañías de todo o mundo levan, hoxe e mañá, ás rúas e sobre o escenario os seus espectáculos

Espectáculo “Marionetas danzarinas”, de Cíe. Plansjet, Bélxica.  | // P. H.

Espectáculo “Marionetas danzarinas”, de Cíe. Plansjet, Bélxica. | // P. H. / l. costas

Celébrase ao longo de toda esta semana, do 15 ao 21 de maio, o XXIV Festival Internacional de Títeres de Redondela – Memorial Juanjo Amoedo e con el a vila dos viadutos está a recibir a compañías teatrais chegadas de diferentes puntos do mundo que veñen a amosar os seus espectáculos, que enchen as rúas e os escenarios, buscando deleitar a todos os públicos.

Logo da festividade das Letras Galegas, hoxe e mañá son os días grandes da programación de rúa con funcións fixas e itinerantes dende o mediodía e ata a noite. O primeiro dos espectáculos deste sábado, “¡La hora de la cachiporra!” represéntase na Alameda, ás 12.30 e logo ás 18.00 horas, da man da compañía madrileña Le Guignol Orthopédique.

Na Pista da Xunqueira instalaranse “Los títeres”, da catalán Galiot Teatre, un espazo de creación e construción, con 15 pequenos teatros e máis de 150 monicreques. Estará aberto ao público esta tarde e tamén ao longo do día de mañá.

De fóra das nosas fronteiras, chegan dende Portugal as Marionetas de Rui Sousa con “Marionetas do circo”, hoxe ás 17.30 e ás 19.00 horas no Campo da Petanca, e “Fíos máxicos”, mañá ás 13.00 e ás 18.00 horas no mesmo lugar. E dende Porto Alegre (Brasil) a produtora artística Mosaico Cultural presentan a súa obra “Limpiao & María Bonita, hoxe ás 18.30 e ás 20.30 horas no Salgueiral e mañá ás 17.00 e 20.00 horas na Alameda.

Os espectáculos itinerantes “Aviadores tolos” de Barafunda e “Pakonstein” de Discípulos de Morales amenizarán esta fin de semana rúas e prazas da vila. Ademais, mañá a partir das 11.30 horas ruada “Mortos de risa”, aberta á participación do público que deberá acudir ataviado para a ocasión, disfrazado dos personaxes de Miércoles, Fétido ou Frankestein, do monstro das galletas ou de calquera outra figura terrorífica.

De xeito paralelo, continúa a programación en sala, no auditorio da Xunqueira. Hoxe ás 17.00 horas, Periferia Teatro, de Murcia, representa a súa obra “Nube Nube”; e ás 21.00 horas, os andaluces Ymedioteatro porán en escena “EcO”, función que se repetirá mañá domingo, ás 19.00 horas.

Música

A música será a outra protagonista do festival. Hoxe actuarán os Os Monifates e Gure Terra e Pandeirela e mañá, ás 21.00 horas no soportais do Concello, The Turre’s Band serán os encargados de poñer o broche de ouro a este semana titiriteira.