Reciclaxe

A mocidade tomiñesa dá unha segunda vida á súa roupa

Estase a impartir un obradoido de eco-moda no Espazo Mercado de Goián

l. c.

Levar a sostibilidade a todos os eidos, incluído o do téxtil. Ese é o obxectivo do novo obradoiro da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Tomiño, un taller de catro horas de duración no que a mocidade poderá reducir a súa pegada de carbono a través da reutilización e reciclaxe de roupa.

O sector téxtil da moda é un dos máis contaminantes, polo que a través deste obradoiro práctico “facemos unha invitación a mozos e mozas a darlle unha segunda vida ás prendas que temos na casa”, indican dende a OMIX. Durante dúas xornadas, todas as persoas participantes aprenden diferentes técnicas de customización e deseño e redeseño dunha peza de roupa.

O obradoiro ten unha duración total de 4 horas. Impártese en dúas sesións de venres, onte foi a primeira e o vindeiro 26 de maio será a segunda e última, en horario de serán, de 19.00 a 21.00 horas no Espazo Mercado de Goián.

O curso está destinado á mocidade a partir dos 12 anos e ten un prezo de 10 euros por persoa.