Arbo acollerá hoxe novas actividades para difundir a figura de José Gil (As Neves, 1870-1937), precursor do cinema en Galicia.
Hoxe, a partir das 10.00 horas, realizaranse visitas ao cinemobil nº 3, no auditorio multiusos, e a Banda de Música de Arbo ofrecerá un concerto para narrar a historia do cine a través das bandas sonoras.
José Gil (Rubiós, As Neves, 1870-Vigo, 1937) é o grande pioneiro do cinema en Galicia, a figura máis destacada, por percorrido profesional e intensidade do seu labor e traballo a prol da fotografía e o cine.
Arbo é un concello limítrofe coas Neves, municipio de nacemento de José Gil, e existe constancia da súa presenza nalgunhas imaxes publicadas nos primeiros números da revista “Vida Gallega”, como a reportaxe gráfica sobre o aniversario da derrota francesa na ponte de Mourentán. Tamén ficou constancia gráfica da expectación entre a veciñanza cando chegou no seu Ford para fotografar e filmar a festa dos emigrantes, momentos oportunamente inmortalizados en “Vida Gallega” (1914). Nese mesmo ano estaba a preparar a filmación dun proxecto sobre a lamprea en Arbo, do que non tivemos máis referencias.